Borrasca Ingrid

Activado o dispositivo de vialidade invernal da Deputación con 65 profesionais

O dispositivo manterase en alerta máxima mentres persistan as condicións meteorolóxicas adversas. Desde todos os organismos ínstase á cidadanía a reducir ao máximo posible os desprazamentos.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Activado o dispositivo de vialidade invernal da Deputación con 65 profesionais
Activado o dispositivo de vialidade invernal da Deputación con 65 profesionais | Deputación de Ourense

O operativo, que conta cun equipo formado por 65 profesionais, encárgase de: xestionar e coordinar os servizos, recursos e medios; recoller e xestionar os avisos que proceden da DGT, 112, concellos e cidadanía; vixilancia permanente da rede viaria; mantemento preventivo e correctivo dos equipos mecánicos; condución de maquinaria pesada e de equipos de espallamento; e apoio á condución e asistencia a usuarios ante posibles incidencias.

O equipo material da Deputación está despregado por toda a provincia en cada un dos centros de loxística de apoio (Miño e Terra de Caldelas; Verín, A Limia e Baixa Limia; Terras de Trives; Comarca de Viana; Valdeorras; e a zona oeste Carballiño, Ribeiro e Celanova).

Para obter máis información, o Parque Móbil e de Maquinaria pon a disposición da cidadanía da provincia a súa páxina web (http://parquemobil.depourense.es/), para ofrecer información actualizada sobre a actividade dos equipos destinados á viabilidade invernal, operativos en curso e avisos de última hora.

Constitución do CECOPI en Ourense

Por outra banda, a directora da área de Infraestruturas, Marta Docampo, asistiu á reunión convocada pola subdelegación do Goberno en Ourense, para coordinar a todos os axentes implicados (Xunta, Deputación, xestores de estradas, Protección Civil, 112, Garda Civil e Policía Nacional) para traballar de modo coordinado ante as posibles emerxencias que poidan acontecer na provincia pola alerta laranxa.

Actualmente, a provincia atópase en estado de “preemerxencia”, que se activa cando as nevadas ou o xeo dificultan a circulación nalgún tramo da Rede de Estradas do Estado. Coa entrada nesta nova fase, ponse en marcha o CECOPI e o establecemento dos PMA.