O delegado territorial lembrou que o Executivo autonómico, vén de lanzar unha nova orde destas achegas cun orzamento de 3,5 millóns de euros dirixidas aos concellos de menos de 30.000 habitantes, e que poden solicitalas ata o vindeiro 4 de maio, de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións. Tamén detallou que cada concello pode presentar un máximo de dúas solicitudes, sempre que unha delas sexa individual e outra conxunta e para actuacións diferentes. Ademais, cada petición debe corresponderse cun único proxecto, que pode abranguer varias accións.
Manuel Pardo explicou que través desta convocatoria subvenciónanse as obras nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.
Tamén subliñou que se financian ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e de 50.000 euros para as conxuntas ou as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión.
Con esta iniciativa da Xunta-aclarou o representante do Goberno galego- preténdese impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico, e así favorecer a fixación de poboación e garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano a prol dunhas óptimas condicións de vida con independencia do lugar de residencia.
Beneficiarios na convocatoria do ano 2025
O delegado territorial destacou que na resolución da orde de axudas do ano anterior, a Xunta destinou máis de 900.000 euros en 28 actuacións en 24 concellos e catro agrupacións da provincia sendo ademais deste municipio beneficiarios a Agrupación Allariz -Vilar de Santos, A Arnoia, Beade, Beariz, Castrelo do Val, Entrimo, Laza, Lobios, Agrupación dos concellos de Maside e Maceda ,Maside (en solicitude individual), Agrupación dos concellos de Montederramo e Maceda, Monterrei, Muíños, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, Os Blancos, Porqueira, Agrupación dos concellos de Ribadavia e Melón , Riós, San Cibrao das Viñas, San Xoán de Río, A Veiga, Vilamarín, Vilariño de Conso, e Xunqueira de Ambía.

