A Xunta activa o Plan de Vialidade Invernal na provincia de Ourense, cun dispositivo de 83 profesionais, 1.935 toneladas de fundentes e 6 centros operativos que garantirán a seguridade viaria.
O plan, xa en servizo desde o 1 de novembro, tamén inclúe na provincia de Lugo un dispositivo de 46 máquinas, entre elas, camións, pick-up, retros, cuñas, follas, esparexedores de sal e estendedores de salmoira. Estes recursos permitirán a atención e o mantemento dos preto de 1.000 km de estradas autonómicas na provincia para acadar condicións de seguridade viaria, especialmente nas épocas con episodios de climatoloxía adversa.
O Goberno galego vén desenvolvendo todos os anos, entre o 1 de novembro de 30 de abril, o Plan de Vialidade Invernal mediante un amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade en máis de 5.500 km de estradas da súa titularidade. No conxunto de Galicia son, en total, 26 os centros operativos e 387 os profesionais que velarán pola seguridade das estradas autonómicas. Ademais, mobilízanse preto de 5.300 toneladas de fundentes.
O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de circulación na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve. Este plan recolle medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.
O Goberno galego destina cada ano un investimento duns 50 millóns de euros para levar a cabo tarefas de conservación nas vías, entre as que destacan estas accións de vialidade invernal.