Ourense Cidade

Jesús Vázquez compromete 25 millóns de euros para desenvolver un Plan de Obras

A primeira e a última palabra do Plan “Mellorando Ourense” será sempre a das federacións e asociacións veciñais, así como a de veciños e veciñas en xeral que desexen aportar as obras e proxectos que se executarán ata 2023

Óscar Gómez

Ourense | 06.05.2019 10:32

Jesús Vazquez, alcalde de Ourense
Jesús Vazquez, alcalde de Ourense | onda cero

Asociacións e federacións veciñais, así como veciñas e veciños en xeral, serán os protagonistas do Plan “Mellorando Ourense”, unha proposta participativa coa que o Partido Popular acometerá unha renovación das infraestruturas da cidade entre 2019 e 2023. Contará cun investimento de máis de 25 millóns de euros en obras no vindeiro mandato e destaca a aposta por implicar á cidadanía na xestión da cidade, tal e como explicou o alcalde de Ourense e candidato do Partido Popular á reelección á Alcaldía, Jesús Vázquez, durante un acto sectorial con colectivos do ámbito do urbanismo e as infraestruturas que tivo lugar esta mañá na cidade. “Queremos que os ourensáns e as ourensás sexan claves á hora de decidir os proxectos que precisa a cidade: Un bo Goberno é o que escoita á súa veciñanza”, sinala Jesús Vázquez. “Con esta proposta, que dá voz á cidadanía de xeito directo, podemos darlle unha resposta máis rápida, concreta e efectiva ás súas necesidades os 365 días do ano”. “A gran transformación da cidade virá da man do próximo goberno en maioría do PP, que nos permitirá executar este compromiso en liberdade e sen as chantaxes nen os bloqueos doutros grupos políticos”, sinala o alcalde de Ourense e candidato á reelección. “ E esta gran transformación de Ourense apuntalarémola coa aprobación definitiva do PXOM, que realizaremos no Pleno antes de que remate 2019”, di Vázquez Abad. Logo de aprobar provisionalmente o PXOM o pasado 02 de maio, este documento clave e imprescindible para o futuro da cidade terá que ser aprobado definitivamente por parte do Pleno do Concello, unha vez sexa informado por parte da Xunta de Galicia. “Serán precisos 14 votos para asegurar a aprobación do documento máis importante da cidade e que contemplará investimentos por máis de 1.300 millóns de euros. Se contamos coa maioría precisa no vindeiro mandato, aprobaremos o Plan Xeral de Ordenación Municipal antes de que remate este ano 2019. Será, sen dúbida, a mellor noticia que poida celebrar a cidade en moitos anos e só será un Goberno en maioría do PP o único capaz de levala a cabo”.