Elecciones 2019

Feijóo propón unir o voto no PP para pasar da decepción de abril á vitoria de maio

Salienta que as Mareas de Podemos e o nacionalismo, partidos aos que o PSOE se entregou nos concellos, supoñen parálise, división e sectarismo

Óscar Gómez

Ourense | 10.05.2019 07:58 (Publicado 10.05.2019 07:55)

Alberto Núñez Feijóo
Alberto Núñez Feijóo | ondacero.es

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, propuxo a todos os que preferían outro Goberno de España unan agora o seu voto no Partido Popular para pasar da decepción de abril á vitoria de maio.

Durante un mitin no Pereiro de Aguiar, incidiu en que o PP é un partido amplo no que tamén caben os votantes de Ciudadanos e os votantes moderados doutros partidos. Así, ante o PSOE, as Mareas de Podemos e os nacionalistas, que se alían sempre que poden, o líder do PPdeG avogou por “un pacto moi claro nas urnas”: a unión no Partido Popular para obter gobernos para todos. Neste senso, sinalou que, estando xuntos, foille mellor a España, vaille mellor a Galicia e iralle tamén mellor aos concellos e ás cidades.

VOLVAMOS UNIRNOS E GAÑAREMOS

"Se queremos volver sentir a decepción do pasado 28 de abril, podemos votar separados, pero se queremos vivir unha noite electoral de vitoria, temos que votar xuntos”, salientou Feijóo, que propuxo a unión na experiencia e na xestión; en candidatos con valía acreditada; na moderación e no sentidiño; e nun proxecto que defenda a unidade do país, ao tempo que un profundo amor por Galicia e por España.

Así mesmo, indicou que, de cara o 26 de maio, é preciso non deixar que as Eleccións Xerais eclipsen a próxima cita coas urnas e ter en conta que o PSOE se entregou ás Mareas de Podemos e ao nacionalismo nos concellos;

formacións que supoñen parálise, división e sectarismo. Por iso, destacou que, se cada galego avalía a situación do seu municipio, os candidatos, os equipos, os programas, a experiencia e como funcionaría mellor o seu municipio, confiará nestas eleccións no Partido Popular.

DEDICACIÓN, PAIXÓN E COMPROMISO POR O PEREIRO DE AGUIAR

Por outra banda, destacou a dedicación polos seus veciños de Eliseo Fernández, durante os 32 anos que foi alcalde; a paixón de Luís Menor polo seu concello, e o compromiso do Goberno galego por O Pereiro de Aguiar, con investimentos para o centro de saúde, para a ampliación do CEIP Ben-cho-sey, con máis de 200 prazas públicas de residencia e co seu apoio incuestionable ao medio rural.

A IMPORTANCIA DE GALICIA EN EUROPA

Durante a tradicional pegada de carteis que tivo lugar en Santiago, o líder do PPdeG, do mesmo xeito que pediu o voto para o Partido Popular nas Eleccións Municipais, pedino para as Europeas, por estar en xogo os intereses da nosa comunidade: “O voto ao PP é un voto para dicir á Unión Europea que Galicia é importante e que as nosas prioridades teñen que estar na súa axenda”.

Así, fronte aos que non lles importou Galicia -uns empregaron o seu escano para dicir que estaban en contra das vacinas, outros para promocionar o nacionalismo e o independentismo e outros incluso nin o usaron-, dixo que Millán Mon gañouse o respecto das institucións europeas defendendo a Galicia e a España.

Para rematar, apuntou á importancia de explicar as consecuencias da división do voto para evitar o acontecido nas Xerais. Así, recalcou que, son moitos os partidos que se presentan a estas eleccións, pero que só haberá un alcalde: ou é Martiño Noriega co soporte dos socialistas e nacionalistas, e para o que se poder votar Mareas de Podemos, PSOE, BNG, VOX ou Ciudadanos; ou é alcalde Agustín Hernández, para o que só hai unha vía: votar ao Partido Popular.