Municipal

O Concello de Ourense renovará o parque infantil de Ribeira de Canedo

Debería estar tematado en abril

Paco Sarria

Ourense |

O Concello de Ourense renovará o parque infantil de Ribeira de Canedo
O Concello de Ourense renovará o parque infantil de Ribeira de Canedo | onda cero ourense

O Concello de Ourense adxudicou o contrato para a renovación da área de xogos infantís do Parque Ribeira de Canedo, unha actuación que permitirá modernizar este espazo de lecer moi utilizado polas familias do barrio.

A intervención contará cun investimento total de 48.396,60 euros e contempla a subministración e a instalación de novos xogos infantís, así como a adecuación do terreo e a mellora das condicións de seguridade da zona.

Entre os novos elementos que se incorporarán ao parque destacan unha estrutura temática con forma de xirafa, un xogo de caracol, unha randeeira dobre con asento plano e tipo berce, e unha casiña con xardín, pensados para ofrecer novas opcións de xogo e estimular a actividade ao aire libre dos máis pequenos.

Ademais, a actuación incluirá traballos de retirada dos xogos actuais, preparación e nivelación do terreo, instalación de xeotéxtil e area de sílice, así como a colocación de bordos e outros elementos necesarios para garantir a seguridade da área infantil.

Client Challenge

O prazo estimado para a execución dos traballos é de 30 días contados desde o día de hoxe, 10 de marzo. Unha vez rematados, o espazo será certificado por unha empresa auditora especializada, asegurando que cumpre con todas as normativas vixentes.