Ourense Cidade

O Concello creará oficinas de Atención Municipal nos barrios da Cidade

A apertura destas oficinas axudará a revitalizar a vida social dos barrios e a detectar “in situ” as necesidades de cada zona. Ademais, as persoas de maior idade ou con mobilidade reducida xa non terán que desprazarse para resolver os seus trámites

Óscar Gómez

Ourense | 06.05.2019 10:23

Concello de ourense
Concello de ourense | Onda Cero

Os barrios acollerán Oficinas de Atención Municipal para ofrecer un servizo máis próximo á cidadanía. O alcalde de Ourense e candidato do PP á reelección, Jesús Vázquez, confirma que “cun Goberno en maioría teremos a liberdade precisa para facer que a Administración local sexa máis áxil e accesible que nunca, e que resolva máis rápido as necesidades da nosa veciñanza”. Nestas oficinas poderanse realizar trámites de Rexistro, pago de taxas, seguimento de expedientes, trámites para a obtención do bonobús, certificado de empadroamento, etc. “Esta proposta é un novo paso adiante no noso proxecto por converter ás persoas no motor das nosas actuacións. Queremos que Ourense sexa a mellor cidade para vivir, e con esta medida dinamizaremos os barrios, facilitaremos a concliación laboral e os nosos maiores e persoas con problemas de mobilidade xa non terán que desprazarse ao centro”, explica Jesús Vázquez Abad. “Con esta proposta dámoslle resposta a unha vella demanda da veciñanza, que reclama unha administración máis próxima e un tratamento máis persoal. Cunha administración amiga gañamos todos. Pero para poñela en marcha precisaremos o apoio da cidadanía, cun Goberno forte que non dependa dunha oposición obsesionada en entorpecer todas as propostas e proxectos, como ocorreu neste mandato. Un claro exemplo foi a nosa proposta de Pacto Social, que foi rexeitada, sin tan siquera mirala, por parte da oposición”, lembra Jesús Vázquez Abad. Ademais, o alcalde de Ourense e candidato á reelección defende que este proxecto tamén permitirá mellorar a mobilidade, reducindo o tráfico cara o centro da cidade, cos conseguintes beneficios en materia de Saúde de Medio Ambiente para todas as veciñas e veciños.