Datos Paro

CCOO alerta que a tendencia negativa do emprego en Ourense continúa

Os datos do mes de outubro consolidan as serias e reiteradas luces vermellas sobre o mercado laboral ourensán.

Óscar Gómez

Ourense | 05.11.2019 18:12 (Publicado 05.11.2019 13:21)

pedro barreiros
pedro barreiros | onda cero

Pedro Barreiros González, secretario xeral de CCOO de Ourense, alerta novamente de que continúa a tendencia negativa do emprego en Ourense. Os datos coñecidos hoxe, como xa avanzaban os do setembro, amosan serias e reiteradas luces vermellas sobre o mercado laboral ourensán: medra o paro e redúcese o emprego, sendo a precariedade xa estructural no noso volátil mercado laboral.

Segundo os datos do paro rexistrado e, respecto do mes de setembro, en outubro o paro incrementouse en 958 persoas (un 5,4% mais), incremento insostible para a nosa provincia. CCOO suliña que este aumento de persoas en situación de desemprego é moi grave e segue a evidenciar a desaceleración da actividade e, como consecuencia, do emprego, provocando unha situación de emerxencia na nosa provincia. En opinión de Pedro Barreiros, os datos son elocuentes e confirman que o modelo produtivo provincial está esgotado. A temporalidade, cun comportamento xa estrutural no noso mercado laboral, volve ser do 89%.

CCOO reitera que é o momento de tomar medidas para evitar que a desaceleración da actividade se torne en recesión e esnaquice o noso xa feble tecido produtivo. Na súa opinión, cómpre resolver a interinidade do Goberno central e que a Xunta exerza as súas competencias, que deben quedar reflectidas nos orzamentos de 2020 para que Galicia e Ourene superen co menor custo posible a freada da actividade.

A pesares do mellor comportamento dos salarios, grazas ao IV Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC), a subida dos salarios dos empregados públicos e o incremento do 22,3% do Salario Mínimo Interprofesional, non se está producindo suficiente demanda interna debido á inestabilidade política e económica. CCOO insiste en que “debe seguir desenvolvéndose o IV AENC, facendo fincapé nos salarios máis baixos, e seguir recuperándose o poder adquisitivo dos salarios que se esborrallaron durante a crise”. Por iso, CCOO mantén o seu compromiso para que todos os salarios mínimos de convenio acaden os 14.000 euros anuais.

CCOO segue a reclamar das distintas administracións a súa implicación na captación de actividades industriais (que actualmente seguen a “fugarse” a provincias limítrofes ou ao norte de Portugal), que conleven o cambio do modelo produtivo provincial e garantan uns postos de traballo mais estables e cunhas condicións laborais e salariais dignas, para frear a sangría da emigración xuvenil, axudando a fixar poboación e revitalizando o consumo.