Ourense Cidade

O B.N.G reclama o servicio de Hemodinámica as 24 horas

Noa Presas, reclamou no Parlamento que o SERGAS dote dos servizo de hemodinámica 24 horas ao Hospital de Ourense e criticou que, unha vez máis, o PP volvese vetar que a cidadanía desta provincia dispoña deste servizo sanitario e deixen de ser tratados como usuarios e usuarias de segunda.

ondacero.es

Ourense | 14.02.2019 08:09

Noa Presas
Noa Presas | BNG Ourense

A deputada por Ourense, Noa Presas, reclamou no Parlamento que o SERGAS dote dos servizo de hemodinámica 24 horas ao Hospital de Ourense e criticou que, unha vez máis, o PP volvese vetar na Cámara que a cidadanía desta provincia dispoña deste servizo sanitario e deixen de ser tratados como usuarios e usuarias de segunda.

“A historia da demanda de hemodinámica en Ourense é a historia da desvergonza e da hipocrisía do PP”, espetoulle Presas ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, na súa intervención parlamentaria, “de pouco ou nada nos ten servido ás e aos ourensáns unha cidade gobernada polo PP na maioría das súas institucións”.

Presas lembroulle ao titular de Sanidade que se trata dunha demanda que pode salvar vidas, nunha provincia “que ten a media de idade máis alta de Galiza, por riba dos 50 anos, superior á media estatal e polo tanto un factor de risco innegable”. Non foi o único argumento esgrimido pola deputada nacionalista.

“Ourense sofre a taxa de mortalidade por infarto de miocardio máis alta deste país, de feito, en 2017 morreron 142 persoas por infarto agudo de miocardio na provincia e, nunha sociedade avanzada, non se pode alegar que as cifras de vítimas mortais eran aínda máis altas no pasado”, replicou Presa, por contra, un Goberno responsable “debe preguntarse se fai todo o que se pode facer e se a xente desta provincia conta cos mesmos recursos sanitarios que no resto do país. A resposta é non”, denuncia.

“Falamos de vidas humanas, de xustiza social e de que unha persoa non teña máis papeletas para morrer simplemente por ser de Ourense”, reclamou. Por iso, desde o BNG reclamase en primeiro lugar “unha desculpa ás e aos ourensáns” e unha data concreta para a posta en marcha do servizo de hemodinámica 24 horas. “Parécenos moi ben que Lugo conseguira por fin este servizo, pero porqué Ourense non?”, interpelou.

No Bloque, destacou Presas, “queremos que calquera persoa neste país teña as mesmas posibilidades de sobrevivir se ten un infarto con independencia de cal sexa o seu lugar de residencia”, salientou, ao tempo que pedía a Almuíña que se comprometese cunha data. “Cando vai deixar o Goberno de pretender que teñamos que escoller o horario para ter un infarto, de impoñernos o horario no que podemos ter problema cardíacos?”