O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta as Food Trucks: Sabor Rías Baixas, tres furgonetas que percorrerán os 61 concellos da provincia para dar a coñecer as festas gastronómicas da provincia, a calidade dos seus produtos e a riqueza cultural e patrimonial dos concellos que as acollen. “Damos un novo paso adiante no camiño da diversificación da nosa oferta turística, na descentralización das actividades en todos os concellos e na aposta clara por un dos grandes atractivos: as festas gastronómicas”, resumiu o mandatario provincial para dar a coñecer os detalles desta novidosa iniciativa nun acto con alcaldes de distintos concellos da provincia e profesionais do sector na entrada do Pazo provincial.
A partir do 28 de xaneiro, tres furgonetas equipadas con cociña iniciarán tres rutas pola provincia. Unha percorrerá o sur, con saída desde Vigo e remate en Gondomar o 19 de abril despois de pasar por Mos, Ponteareas, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Crecente, Arbo, As Neves, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, O Porriño, Tui, Tomiño, A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán. Outra partirá desde O Grove para percorrer o centro da provincia visitando os concellos de Sanxenxo, Meaño, Meis, Poio, Barro, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas, Marín, Bueu, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes e Covelo, onde rematará a ruta o 19 de abril. A terceira, con saída desde Rodeiro, percorrerá o norte con escalas nos concellos de Dozón, Agolada, Lalín, Vila de Cruces, Silleda, Forcarei, A Estrada, Campo Lameiro, Cuntis, Pontecesures, Valga, Caldas de Reis, Catoira, Vilagarcía, Portas, Moraña, Vilanova, A Illa e Cambados, para rematar o 27 de abril en Ribadumia.
“Cada food truck estará como mínimo un día en cada un dos concellos e ofrecerán como mínimo un prato inspirado en cada unha das 25 festas gastronómicas de interese turístico que temos na provincia”, explicou o presidente sobre un proxecto que prevé repartir, de xeito gratuíto, máis de 300 degustacións ao longo dos máis de tres meses que durará a actividade que ofrecerá tamén información sobre a data e os lugares nos que se celebra cada unha das festas.
“Unha nova demostración da aposta da Deputación por unha oferta turística diversa e de calidade coa que pretendemos atraer visitantes en tempada baixa, por un sector máis forte, que se reflexa no orzamento do ano 2026, que sube nun 17 % e nos leva por riba dos 7M€; e polos 61 concellos da provincia, que vai en liña da multipremiada campaña ‘Cando volves’ que tanto éxito está a ter”, sinalou o dirixente na presentación dun programa no que tamén participou o deputado de turismo, Jesús Vázquez Almuíña; o presidente do Cluster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; e o alcalde de Lalín, José Crespo; en representación dos rexedores dos concellos da provincia. “Ofreceremos un numero moi importante de degustacións en todos os concellos da provincia poñendo en valor os produtos que temos desde a costa ao interior”, engadiu o responsable de Turismo do goberno provincial.
Para rematar o acto, o presidente Luis López reafirmou o compromiso da Deputación para seguir construíndo un destino sustentable e descentralizado en estreita colaboración cos profesionais do sector. Para degustar o sabor das Rías Baixas e descubrir os atractivos dos 61 concellos da provincia, o mandatario provincial convida “a todo o mundo a que se achegue a estas food trucks”.
Toda a riqueza gastronómica da provincia viaxa nas Food Trucks de Turismo Rías Baixas
As festas gastronómicas representadas nas elaboracións que se ofrecerán nestas food trucks están recoñecidas como festas de Interese Turístico e se celebran ao longo de todo o ano en concellos de todos os recunchos da provincia. A comarca do Deza, Tabeirós e Terra de Montes está representada pola Festa do Salmón da Estrada, a Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces, a Festa da Empanada de Bandeira de Silleda e a Feira do Cocido de Lalín. Da comarca do Salnés, están a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga, a Festa da Vieira de Cambados, a Festa do Mexillón e Berberecho de Vilanova de Arousa, a Festa da Ameixa de Carril de Vilagarcía de Arousa, a Festa da Exaltación dos Mariscos do Grove e a Festa do Viño Albariño de Cambados. Na comarca de Caldas, encóntrase a Festa do Lacón con Grelos de Cuntis e a Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña. Da comarca de Pontevedra e do Morrazo, conta con pratos da Festa do Caldo de Mourente e a Festa da Troita de Ponte Caldelas, así como a Festa Encontro-Degustación do Millo Corvo de Bueu. Da comarca de Vigo, as festas da Ostra de Arcade e do Choco de Redondela. Da comarca do Baixo Miño, poderase degustar a Festa da Langosta da Guarda, a Feira do Viño do Rosal e as festas da Lamprea Seca e da Lamprea, ambas as dúas de Arbo. E da zona do Condado e A Paradanta, están a Festa do Requeixo e o Mel das Neves, a Feira do Xamón da Cañiza e a Festa do Viño do Condado do Tea de Salvaterra do Miño.

