Ourense Provincia

A Xunta licita por 1 Millón de Euros obras nos Poligonos de Ourense

Actuarase nas vías OU-105, OU-510, OU-537 e OU-538, ao seu paso polos municipios de Ourense, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas. Paralelamente, séguese a avanzar nas obras de acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas dende a A-52

Óscar Gómez

Ourense | 28.04.2020 09:17

Obras no poligono de San Cibrao das Viñas
Obras no poligono de San Cibrao das Viñas | La Voz de Galicia

A Xunta publica hoxe na Plataforma de contratos públicos de Galicia a licitación das obras de mellora localizada do firme en catro estradas autonómicas da contorna dos polígonos de San Cibrao das Viñas e do Pereiro de Aguiar, en Ourense, cun investimento de máis de 1 millón de euros.

As empresas interesadas nesta actuación, que terá un prazo de execución de 4 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 25 de maio. O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é acometer os traballos neste mesmo ano 2020.

As actuacións incluídas neste contrato levaranse a cabo en varios tramos das estradas OU-105, OU-510, OU-537 e OU-538 ao seu paso polos municipios de Ourense, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas. Máis en concreto, na estrada OU-105, actuarase dos puntos quilométricos 0 ao 4+250, ao seu paso polo concello de Ourense, e dende o punto 4+250 ao 5+129, en San Cibrao das Viñas.

Na estrada OU-510 as tarefas estenderanse do punto quilométrico 0 ao 5+179, no concello de Ourense, e na OU-537 dende o quilómetro 0 ao 3+948, no concello de Pereiro de Aguiar. A intervención na OU-538 comprende o treito que vai do punto quilométrico 0 ao 1+110, no municipio de San Cibrao das Viñas.

Os traballos obxecto deste contrato prevén a mellora do estado do firme con actuacións de reparación, rehabilitación e reforzo, limpeza de gabias e reperfilado de noiros, así como o repintado da sinalización horizontal e reposición da sinalización vertical e balizamento. Esta actuación na contorna industrial da cidade de Ourense vense sumar á infraestrutura estratéxica que o Goberno galego está a executar na zona: o acceso ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas dende a A-52, que estará en servizo neste verán.

A conservación en bo estado das infraestruturas viarias da rede autonómica é unha das prioridades do Xunta de Galicia. Con esta licitación, o Goberno galego continúa a reforzar a seguridade viaria nas estradas autonómicas, ao tempo que impulsa investimentos para favorecer a actividade económica.