Voluntarias do Espazo +60 de Afundación de Ourense entregaron hoxe no Hospital Universitario de Ourense un lote de almofadas de lactación, elaboradas artesanalmente nos seus obradoiros solidarios, para ser empregadas polas nais ingresadas nas unidades de Obstetricia, de Coidados Intensivos Pediátricos e Prematuros, co obxectivo de facilitar a lactación materna, á vez que se favorece o descanso de nais e bebés.
No marco desta visita, o Servizo de Humanización as sorprendeu organizando, conxuntamente coa Fundación Xaime Quesada Blanco, un percorrido guiado pola colección pictórica instalada no novo edificio de hospitalización, que tivo dúas guías de excepción: a viuva de Xaime Quessada e nai de Quesada Blanco, Chus Blanco e a xerente da fundación, Paula Serrano.
Unha iniciativa de colaboración entre institucións sociais, culturais e sanitarias, para construír contornas máis humanas e solidarias, nas que o coidado se entende dun xeito integral, conxugando o físico e emocional co poder da arte.
Almofadas para acoller e apoiar
Os obradoiros do Espazo +60 de Afundación Ourense, é unha iniciativa que promove o envellecemento activo e a participación social das persoas maiores de 60 anos, e as súas voluntarias participan moi activamente en diferentes iniciativas en prol dos pacientes, respondendo positivamente a calquera proposta formulada desde o Servizo de Humanización.
A súa responsable, Belén Piñeiro, destacou o seu compromiso entusiasta ”sempre estades aí ao noso carón, xa sexa cosendo para facer os coxíns que reciben as nosas pacientes operadas de mama, como agora para facer máis doce ainda o colo das nais, destinando fondos as asociacións de pacientes coa venda das vosas obras... e seguiremos crecendo xuntas, cos proxectos que temos previstos...” agradeceu, para tras elo entregarlles un diploma que recoñece a súa colaboración solidaria.
Como explicou a supervisora de enfermería da UCI pediátrica e prematuros, Teba Castro “este tipo de almofadas facilitan unha postura máis ergonómica durante a lactación, reduce a sobrecarga en costas, brazos e pescozo e favorece tamén o descanso materno, especialmente necesario nos primeiros días.
Vontarias de Afundación de Ourense entregan almofadas de lactación
Visitaron tamén a colección Quessada
Ourense |

