O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a segunda edición dos bonos Activa Comercio 2025, dotada con 2,5 M€, co gallo de poñer mañá a disposición das persoas consumidoras —desde as 9,00 horas— os bonos de desconto de ata 30 euros. O importe súmase aos 2,5 millóns de euros destinados á anterior edición da iniciativa este ano, sumando un total de 5 M€. Unha cantidade que volverá consignarse nos orzamentos de 2026 para consolidar esta acción dinamizadora do comercio local.
Como novidade, os establecementos non terán que inscribirse de novo para participar na iniciativa, senón que segue vixente a adhesión da primeira edición, co obxecto de gañar en axilidade en beneficio tanto dos comerciantes como das persoas consumidoras. En todo caso, se algún comercio non se sumara e quere facelo agora, ten de prazo aínda deica o 15 de decembro ou ata que remate o crédito desta última edición.
O programa dos bonos Activa Comercio ten como obxectivo incentivar a demanda comercial axudando economicamente as persoas consumidoras e fomentando o consumo nos establecementos retallistas adheridos á campaña. Con esta nova edición, o Goberno galego prevé mobilizar máis de 8,5 M€ en vendas no comercio de proximidade de Galicia.

