Un novo albergue de peregrinos en Ourense
Será o mellor de toda a rede do Xacobeo, e terá un centro de interpretación do Camiño Mozárable-Vía da Prata.
O novo albergue de peregrinos de Ourense, o mellor de toda a rede do Xacobeo e que foi inaugurado onte, terá un centro de interpretación do Camiño Mozárable-Vía da Prata. Así, no novo albergue “Eligio Rivas Quintas”, os peregrinos poderán acceder a toda a información que precisen sobre a ruta xacobeo de maior percorrido, que conecta Sevilla con Compostela. Dase cumprimento así a unha demanda do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, que lle solicitou á Xunta de Galicia “que Ourense non só contase co mellor albergue de Galicia, senón que a cidade cobrase o protagonismo que lle corresponde como eixo neurálxico deste camiño Xacobeo”.
A aposta por situar o albergue de peregrinos, que onte mesmo comezou a funcionar, “nun edificio histórico rehabilitado, en pleno corazón da zona histórica e a escasos metros da piscina termal de As Burgas, vai ser un atractivo máis para todos os seus usuarios. Pero tamén vai dinamizar a súa contorna”, sinala o rexedor ourensán. Camiño Mozárabe – Vía de la Plata O Camiño Mozárabe é a ruta xacobea de maior percorrido: conectando Sevilla con Santiago de Compostela, é a prolongación dunha antiga calzada romana que unía Mérida con Astorga. Esta vía mantívose viva na Alta Idade Media, primeiro cos visigodos e despois baixo dominación islámica (de feito o nome de Vía de la Plata vén da denominación en árabe «bal’latta»). Os cristiáns mozárabes recristianizárona na Baixa Idade Media, cando comezan as peregrinacións desde Andalucía e Estremadura.O peregrino que segue a antiga Vía de la Plata toma o desvío en Granja de la Moreruela (Zamora), desde onde hai dous posibles itinerarios a Santiago (un por Laza e outro por Verín) que desembocan en Ourense.
A inversión total da Xunta de Galicia nesta obra foi de 820.000 euros, cunha superficie total edificada é de 647,71 metros cadrados:
•Unha planta de soto destinada a lavandería, almacén de mochilas e cuartos de instalacións.
•Unha planta baixa destinada salón de estar, cociña, aseos e control de entrada.
·Dúas plantas altas destinadas a dormitorios (planta 1ª e 3ª). Unha planta destinada a grupo de aseos e duchas (planta 2ª). •Unha planta baixo cuberta destinada a dormitorios e despacho. O proxecto cumpre toda a normativa de accesibilidade, de tal forma que se permita ás persoas con mobilidade e comunicación reducidas o acceso e circulación polo edificio nos termos previstos na súa normativa específica.
Esta obra supuxo a recuperación dun edificio municipal situado en pleno corazón da cidade, a escasos metros da piscina termal de As Burgas.