Igualdade

A Xunta sitúase a vangarda da igualdade co 71% de mulleres funcionarias

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, subliñou que a Xunta está a traballar na reforma da lei de igualdade para adaptala á transformación do mercado laboral e artellar medidas contra as discriminacións múltiples, os teitos de cristal e o benestar da muller no traballo.

A Xunta conta con cinco mulleres ao fronte de consellerías estratéxicas e da metade das direccións e secretarías xerais.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, participou por vídeo na inauguración do III Congreso da Asociación de Mulleres no Sector Público, onde destacou a Galicia como referente para acadar a igualdade plena.

Óscar Gómez

Ourense | 18.11.2021 12:29

A Xunta sitúase a vangarda da igualdade co 71% de mulleres funcionarias
A Xunta sitúase a vangarda da igualdade co 71% de mulleres funcionarias | onda cero

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, participou por vídeo na inauguración, en Santiago de Compostela, do III Congreso da Asociación de Mulleres no Sector Público, que aproveitou para situar a Galicia na vangarda da igualdade polo seu compromiso para acabar cos desequilibrios. Puxo á Xunta como exemplo de equidade como administración na que o 71% do funcionariado son mulleres e gran parte dos altos cargos tamén.

Núñez Feijóo incidiu na importancia da función pública como elemento catalizador para a entrada e permanencia das mulleres no mercado laboral e dixo que “as desigualdades entre homes e mulleres son menos no mundo público que no privado”. A última Enquisa de Poboación Activa (EPA) di que o 58,2% das persoas empregadas no sector público son mulleres en España, o 58,4% en Galicia fronte ao sector privado.

“En Galicia integramos a igualdade como valor propio”, afirmou o presidente galego, quen lembrou que na actualidade o seu Goberno conta con 5 mulleres ao fronte das 11 consellerías que o compoñen; as direccións xerais de tres consellerías teñen á fronte mulleres; a metade das 64 secretarías xerais e direccións xerais están lideradas por mulleres e boa parte dos organismos dependentes da Xunta contan tamén con directoras.

Tal e como resaltou Núñez Feijóo, a Xunta ten 89.774 persoas empregadas públicas, das que máis de 64.000 son mulleres. Segundo recalcou, a comunidade é referente na súa aposta pola eliminación das fendas de xénero, ao ter activado neste 2021 o plan de igualdade do Servizo Galego de Saúde, con 59 medidas para corrixir posibles desequilibrios, e ter xa avanzado un plan para a toda a Xunta que, co consenso das organizacións sindicais, sirva como paraugas de todas as actuacións desenvolvidas na materia no eido público.

Pola súa banda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presente no acto, afirmou que “a igualdade é un piar imprescindible para lograr unha administración resiliente e produtiva, que sirva como modelo de gobernanza para unha sociedade inclusiva, tolerante, saudable e cun alto índice de benestar laboral”.

As mulleres son agora máis do 50% das empregadas públicas no conxunto do Estado español. “Aínda así, hai marxe de mellora para que a igualdade sexa unha verdadeira realidade, amparada por cifras tanxibles”, especificou a conselleira quen lembrou que na actualidade en só 22 países hai xefas de Estado ou de Goberno e 119 deles nunca foron presididos por mulleres, ou que soamente o 21% das persoas que ocuparon ministerios foron mulleres.

“A meta común, adoptada internacionalmente na Declaración e Plataforma de Acción de Beijing e compartida polo Goberno galego, é lograr a participación política e unha distribución equilibrada do poder entre mulleres e homes na toma de decisións”, espuxo.

Reforma legal

Galicia está a acometer a reforma integral da lei de igualdade autonómica, con vistas á transformación do mercado laboral. Trátase de crear un novo marco legal que destacará pola visibilización da discriminación múltiple, as medidas para rachar cos teitos de cristal ou a posta en marcha de iniciativas para alcanzar o benestar laboral da muller.

“Será unha reforma de calado, que impulsará a independencia económica das mulleres e o seu desenvolvemento profesional, e que concienciará ao tecido empresarial e guiará as súas boas prácticas”, recalcou a titular de Igualdade, quen engadiu que no ámbito do emprego público a Xunta reforzará o compromiso da formación en igualdade, “elevando a súa regulación a rango legal” e realizará un maior control da composición equilibrada do persoal ao servizo da Administración autonómica.

“Somos conscientes de que a presenza das mulleres en todos os niveis derribará barreiras, contribuirá a construír unha Galicia máis próspera e máis innovadora, e axudará a pechar as fendas de desigualdade e discriminación por razón de xénero”, dixo Lorenzana.