Curso de Marketing

A Xunta organiza un curso de marketing e comercialización de aceite de oliva

O obxectivo é facilitarlle ferramentas aos profesionais deste sector que lles permitan mellorar a difusión e venda dos seus aceites como produto galego emerxente

Óscar Gómez

Ourense |

El aceite de oliva virgen enriquecido con sus propios antioxidantes previene la acumulación de colesterol | redacción

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza esta fin de semana no concello ourensán de Vilamarín un curso de marketing e comercialización de aceite de oliva virxe extra. Terá lugar no pazo do Rego en horario de mañá e tarde.

Esta acción, na que tamén participan a Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia, terá unha duración de oito horas e estará impartida polo xienense Ramón Pulgar, experto en no sector da oleicultura. Entre os temas a tratar está a xestión de empresas oleícolas, o marketing estratéxico e operativo en AOVE, estratexias de vendas, normativa e a comunicación e xestión de redes.

A finalidade do curso é facilitarlle ferramentas aos profesionais deste sector que lles permitan mellorar a difusión e comercialización dos seus aceites como produto galego emerxente. Os asistentes serán, principalmente, produtores e elaboradores de toda Galicia que comercializan aceite de orixe virxe extra. Así, a día de hoxe en Galicia hai arredor de 164 hectáreas plantadas cun total de 180.000 oliveiras, polo que se trata dun sector emerxente na nosa Comunidade.

Este curso está integrado no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.