O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo en valor a acción da Xunta de Galicia a prol do emprego autónomo, cunha aposta decidida polo apoio, o acompañamento e a redución das trabas burocráticas para o colectivo, destacando ferramentas clave como a orde unificada de axudas que volverá convocarse en 2026 cun orzamento próximo aos 41 millóns de euros e coa que se agarda beneficiar arredor de 9.000 persoas.
Fronte a un escenario estatal que —remarcou— continúa endurecéndose, incrementando as cargas fiscais e xerando incerteza normativa sen ter en conta a realidade das pemes e das persoas traballadoras autónomas, que representan o 99,8 % do tecido produtivo galego, a Xunta mantén o seu compromiso de escoitar e acompañar os axentes económicos que sosteñen o mercado laboral, crean emprego e xeran impacto no territorio, así como de seguir avanzando na simplificación administrativa.
Neste senso, salientou que o paquete de axudas para autónomos de 2026 volverá integrar os principais programas de apoio ao sector cun enfoque integral de principio a fin, abranguendo desde o inicio da actividade ata a súa consolidación e mantemento e incluíndo tamén medidas de conciliación, remuda e axudas para aquelas persoas que desexen volver iniciar un proxecto emprendedor tras unha etapa previa como autónomas.
Entre as novidades desta orde, González destacou que a cota cero, implantada en 2023 para novos autónomos durante 12 meses, estenderase ata os 24 meses no caso daqueles que inicien actividades vinculadas á agricultura, á gandaría ou á silvicultura. Ademais, o bono remuda incrementarase un 20 %, ata acadar os 1,5 millóns de euros, co obxectivo de favorecer a continuidade dos negocios e garantir a remuda xeracional. Así mesmo, sinalou que se continuará potenciando o papel crucial do comercio, con ferramentas xa en marcha como o Plan estratéxico do sector 2025-2030, artellado en consenso con todo o sector.
O titular de Emprego destacou que a eficacia das medidas impulsadas polo Executivo galego reflíctese no peso do sector en Galicia, que é a terceira CCAA con maior presenza de persoas traballadoras autónomas en relación co total das afiliacións. O colectivo representa preto do 20 %, case 4 puntos por enriba da media estatal, o que demostra a capacidade emprendedora da Comunidade e a súa contribución á creación de emprego.

