Medio Ambiente

Eladio Santos destaca “a dinamización do rural para evitar novos lumes"

O Proxecto CARES logra poñer en marcha unha iniciativa piloto en Vilar de Barrio que suporá a resinación de 4.000 pinos e a creación de emprego.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Eladio Santos destaca “a dinamización do rural para evitar novos lumes"
Eladio Santos destaca “a dinamización do rural para evitar novos lumes" | Subdelegación do Goberno

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destaca “o compromiso do Goberno coa dinamización do rural e o aproveitamento dos montes para evitar novos lumes na provincia de Ourense”.

O Proxecto CARES recibiu 1,6 millóns de euros de financiamento da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), con fondos Next Generation. O obxectivo desta iniciativa é fomentar o aproveitamento da resina e a castaña no noroeste peninsular (Galicia, Asturias e norte de León).

Eladio Santos explicou que froito do rol da Subdelegación do Goberno en Ourense como axente dinamizador desta iniciativa, logrouse poñer en marcha un proxecto piloto en Vilar de Barrio, no que se impulsa a produción conxunta e se facilita o acceso á tecnoloxía directamente á base produtora de Ourense. As localizacións escollidas son nas comunidades de montes de Parada e Rebordechao, onde se fará a validación dos modelos técnico económicos comezando o ano que vén coa resinación de 4.000 pinos e a creación de emprego.

O subdelegado agradeceu a implicación de tódolos axentes implicados “nunha experiencia que revive o medio rural da provincia” e que espertou un grande interese das persoas en dedicarse á produtividade do monte, xa que no curso formativo de Vilar de Barrio houbo máis de 50 alumnos e alumnas. “Desde o Goberno impulsamos esta iniciativa porque cremos na bioeconomía circular como motor de futuro, xa que existen alternativas económicas que respectan o noso patrimonio natural”, remarcou.