Vivienda

A Xunta destina 2M€ para axudas de adquisición de vivienda en centros históricos

Manuel Pardo recalcou que poderán solicitar estas axudas as persoas que teñan adquirido as súas vivendas desde o pasado 15 de outubro do pasado 2025 ata o 15 de outubro deste 2026.

Onda Cero Ourense

Ourense |

A Xunta destina 2M€ para axudas de adquisición de vivienda en centros históricos
A Xunta destina 2M€ para axudas de adquisición de vivienda en centros históricos | Xunta de Galicia

Manuel Pardo explicou que poderán solicitar estas axudas as persoas que teñan adquirido as súas vivendas desde o pasado 15 de outubro do pasado 2025 ata o 15 de outubro deste 2026. Nesta liña, recalcou que as dúas liñas están financiadas exclusivamente con fondos propios da comunidade autónoma e destínanse a vivendas que deberán ser a residencia habitual e permanente.

Tamén indicou que estas axudas para adquisición son compatibles cos avais que ofrece a Xunta e cuxa convocatoria xa está aberta ata o 30 de outubro. Os menores de 36 anos poden acollerse a estes avais para adquirir a súa primeira vivenda, mentres que no caso da compra de vivenda protexida non existe límite de idade. Nesta convocatoria, a Xunta avalará ata 5M€.

O representante do Goberno galego destacou que na provincia de Ourense, o ano pasado, foron 7 as persoas beneficiarias das achegas de adquisición en centros históricos e 8 as que recibiron axuda para compra de vivenda protexida, cun importe total de máis de 152.000 euros.

Axudas das dúas modalidades

O representante do Goberno galego detallou que no que atinxe á liña de adquisición de vivendas en centros históricos, a contía da axuda será de ata 10.800€ con carácter xeral, e elévase ata 12.800€ se os compradores son menores de 36 anos e ata 15.000€ se a vivenda se sitúa no ámbito dunha área Rexurbe, sen límite de idade neste último caso. Como requisitos, os solicitantes deben contar con ingresos iguais ou inferiores a 6,5 veces o Iprem e as vivendas deberán estar emprazadas dentro dun dos centros históricos indicados na convocatoria.

No caso da outra liña destinada á adquisición de vivenda protexida, Manuel Pardo concretou que os solicitantes deberán cumprir os requisitos de ingresos que esixa a normativa reguladora da vivenda a adquirir e o importe da axuda dependerá da área xeográfica na que se emprace a vivenda. Así, para vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior (A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo), o importe será de ata 20.000€ por vivenda, se son adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 16.000€ se os compradores son de 36 ou máis anos. No caso dos restantes municipios de Galicia, a axuda será de ata 16.000€ para menores de 36 anos, e ata 12.000€ para vivendas adquiridas por persoas de 36 ou máis anos.