Xunta de Galicia

A Xunta destina 20 M€ para axudas a traballadores autónomos

Rueda salienta que Galicia é a segunda Comunidade con máis peso no réxime de persoal autónomo: “Son máis de 200.000 persoas valentes, emprendedores con ilusión e compromiso”.

Óscar Gómez

Ourense | 25.01.2023 07:37

A Xunta destina 20 M€ para axudas a traballadores autónomos
A Xunta destina 20 M€ para axudas a traballadores autónomos | onda cero

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resalta que o Goberno galego destina 20 millóns de euros a dúas novas liñas de axudas para apoiar a 7.000 persoas traballadoras autónomas. Nunha visita a beneficiarios das achegas que a Administración autonómica destina a este colectivo, o mandatario galego resaltou que, en total, as partidas habilitadas este ano para as persoas traballadoras por conta propia en Galicia suman preto de 60 millóns de euros.

O titular do Goberno galego, no percorrido que fixo polas rúas de Ourense acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María José Lorenzana, salientou que Galicia é a segunda Comunidade con maior peso no réxime de persoal autónomo sobre o total de afiliacións á Seguridade Social. “Son máis de 200.000 persoas valentes, emprendedores con ilusión e compromiso”, subliñou o presidente. Polo tanto, un colectivo prioritario para a Xunta.

O Goberno galego respondeu amosándose do seu lado sempre que o precisaron, como foi na pandemia, cando se destinaron ata 600 millóns de euros ás diferentes liñas habilitadas no plan de rescate, ou como neste ano, para axudalos a paliar os efectos da crise enerxética e da inflación nos seus negocios. Por ese motivo, este ano habilitáronse case 60 millóns de euros en achegas ao colectivo.

A Xunta destina 20 M€ para axudas a traballadores autónomos
A Xunta destina 20 M€ para axudas a traballadores autónomos | onda cero

Hai unhas semanas lanzouse Impacto Autónomo, que tivo unha grande acollida e que destinaba 30 millóns a facer fronte á suba de prezos; e as axudas que mañá van saír publicadas no Diario Oficial de Galicia van dirixidas, por unha banda, a novas persoas autónomas, para que fagan fronte aos gastos de apertura dos seus negocios; e por outra, ás que queiran emprender melloras nos seus establecementos. A primeira, Xempre Autónomo, destina 12 millóns a achegas que van entre os 2.000 e os 4.000 euros para cada solicitante; e a segunda, o Bono Autónomo, conta cun orzamento de 8 millóns e as persoas receptoras poderán recibir ata 3.000 euros. O Goberno galego calcula que, en total, poderán beneficiarse 7.000 persoas do sector con estas novas achegas.

Estas novas convocatorias súmanse a outras iniciativas pensadas para dinamizar o comercio, como o Bono Activa Comercio, o Bono Cultura ou as axudas habilitadas para a renovación de electrodomésticos. Alfonso Rueda subliñou que a Xunta conta cunha sólida rede de apoio ao sector e que ese compromiso reforzarase aínda máis no futuro, cando entre en vigor a nova Estratexia de emprego autónomo que prepara o Goberno galego.