A provincia de Ourense acollerá entre xullo e novembro deste ano a primeira edición das Visitas Teatralizadas da Provincia de Ourense, un proxecto organizado pola asociación cultural Platea Lúa co patrocinio da Deputación.
Esta iniciativa percorrerá 25 puntos de interese turístico de 25 concellos diferentes da provincia, nunha andaina enfocada aos ourensáns e turistas que comezará o sábado 1 de xullo no Mosteiro de San Pedro de Rocas e que se pechará o sábado 11 de novembro no Pazo de Vilamarín. Cada visita teatralizada terá de 30 a 50 prazas e nelas os integrantes de Platea Lúa caracterizaranse segundo o espazo e a época, en lugares como o Castelo de Ribadavia, o Couto Mixto, o Castelo de Monterrei, a Torre da Pena ou o Pazo de Trasalba.
Patricia Torres resaltou as repercusións deste proxecto, enmarcándoo na potencia “patrimonial, cultural e paisaxística” da provincia: “Son 25 visitas teatralizadas pero poderían ser 200 ou 300, tendo en conta a riqueza que atesoura Ourense”. A deputada en funcións avanzou “o éxito completo” dunha iniciativa da que “tamén desfrutarán os visitantes chegados doutras provincias e a través do AVE, e que seguro terá novas edicións ao longo de todo o ano, percorrendo máis lugares e contribuíndo a seguir desestacionalizando o turismo”.
Pola súa banda, dende a asociación cultural Platea Lúa, Jose Ramón Novoa invitou a todos, “ourensáns e visitantes”, a que “nos acompañen en visitas teatralizadas que resaltan o potencial turístico da nosa provincia”.
Visitas teatralizadas por toda a provincia
O roteiro de visitas componse das seguintes visitas:
. Mosteiro de San Pedro de Rocas - sábado 1 de xullo
. Mosteiro de Xunqueira de Ambía - venres 7 de xullo
. Castelo de Ribadavia - venres 21 de xullo
. Rúas de Pazos de Arenteiro - sábado 22 de xullo
. Couto Mixto en Calvos de Randín - martes 25 de xullo
. Mosteiro de Montederramo - sábado 29 de xullo
. Ínsua dos Poetas - domingo 30 de xullo
. Rúas de Lobios - venres 11 de agosto
. Santa Comba de Bande - sábado 12 de agosto
. Castelo do Bolo - sábado 19 de agosto
. Rúas de Allariz - venres 25 de agosto
. Mosteiro de San Clodio en Leiro - sábado 26 de agosto
. Casco Vello de Ourense - venres 1 de setembro
. Castelo de Castro Caldelas - sábado 9 de setembro
. Vilanova dos Infantes - sábado 16 de setembro
. Rúas e Fornos de Cea - venres 22 de setembro
. Mosteiro de Melón - sábado 23 de setembro
. Rúas de Castrelo de Miño - sábado 30 de setembro
. Mosteiro de Santa Cristina en Parada de Sil - venres 6 de outubro
. Torre da Pena en Xinzo - sábado 7 de outubro
. Castelo de Monterrei - sábado 14 de outubro
. Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil - venres 20 de outubro
. Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo - sábado 21 de outubro
. Pazo de Trasalba en Amoeiro - sábado 28 de outubro
. Pazo de Vilamarín - sábado 11 de novembro