Ourense Provincia

Os traballos de renovación das zonas lúdicas infantís en Allariz seguen o seu curso

O Concello de Allariz comezou nos pasados días, os traballos na seguinte zona lúdica infantil programada, o parque de Vilanova. Situado nun espazo privilexiado nas beiras do río Arnoia, sufrirá a renovación completa do seu mobiliario.

Óscar Gómez

Ourense | 09.04.2021 09:32

Os traballos de renovación das zonas lúdicas infantís en Allariz seguen o seu curso
Os traballos de renovación das zonas lúdicas infantís en Allariz seguen o seu curso | Onda cero

Allariz segue mantendo unha evolución ascendente en canto a poboación nos últimos 30 anos, incrementando o padrón de habitantes pola base. Na actualidade, o Concello conta cunha poboación infantil ao redor de 600 nenos e nenas.

Este primeiro trimestre de 2021 trouxo a Allariz un novo espazo e a remodelación de outro.

O parque da rúa Casa Lomberte é o primeiro parque cuberto de Allariz. Cunha superficie de 850m2 e un investimento de 80.000€, dos cales 33.000€ foron subvencionados pola Xunta de Galicia e o resto fondos propios do Concello, este parque inaugurouse fai un mes e medio para que os nenos e nenas desfruten dunha zona de lecer. O parque cuberto obtivo unha gran acollida entre a veciñanza e entre as crianzas!

Tamén quedaba nas últimas semanas, a disposición da cidadanía, o parque do Portovello, que sufriu unha renovación integra de todo o seu mobiliario e mantemento da zona na que está localizado, a beira do río Arnoia. As actuacións acometidas foron a reparación daqueles elementos danados e a substitución dos que estaban en mal estado, así como o pintado dos distintos aparellos e o recheo posterior da area. Unha renovación integral nos seus 370m2 cun investimento municipal de 15.000€ que dende fai uns días poden utilizar todas as crianzas que se acheguen ao recinto.

O Concello de Allariz comezou nos pasados días, os traballos na seguinte zona lúdica infantil programada, o parque de Vilanova. Situado nun espazo privilexiado nas beiras do río Arnoia, sufrirá a renovación completa do seu mobiliario así como a ampliación con 100m2 da superficie do parque, chegando aos 700m2 cun investimento de 30.000€. A Alcaldesa de Allariz adiantaba que as obras de este espazo rematarán este mes para a súa posterior apertura.

Cristina Cid falou tamén da adecuación dun novo espazo de xogo, a Praza de Modesto Seara. Este espazo albergará, segundo nos adiantaba, unha zona para xogos tradicionais.