O Teatro Principal de Ourense vén de presentar a súa programación para o primeiro semestre de 2026, cunha trintena de propostas que inclúen teatro, cine, ópera, danza, concertos e un ciclo novo de música clásica, ademais de actividades infantís.
César Fernández definiu o Teatro Principal como “institución de referencia cultural da cidade e da provincia”, poñendo en valor a programación “dinámica, diversa e de calidade”. Tamén subliñou a importancia da “colaboración institucional” para garantir o dereito de acceso á cultura da cidadanía.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, alabou a calidade das propostas, destacando “cada vez máis presenza da danza”. Do mesmo xeito, destacou a “cooperación institucional” como alianza estratéxica e resaltou o “gran momento” que viven as artes escénicas en Galicia.
Programación variada
A programación do Teatro Principal comeza o de xaineiro, coa obra “Viejos tiempos”, de Entrecajas Producciones e protagonizada por Ernesto Alterio, Marta Belenguer e Mélida Molina.
O 23 de xaneiro haberá concerto de Ángel Stanich, que presenta o seu novo álbum.
O 20 de febreiro será o turno de “Desterradas”, de Producións Teatráis Excéntricas, obra que gañou o 25º Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais.
A ópera terá protagonismo o próximo 22 de febreiro, con L'elisir d'amore”, de Gaetano Donizetti-. Tamén haberá danza con “Creavida”, de Rafaela Carrasco, que foi Premio Nacional de Danza en 2023. Será o 28 de febreiro.
Primeira edición de Ourenclásica
Xa en marzo, o día 7, arranca unha das novidades da programación: o “I Festival de música Ourenclásica”, que nace co obxectivo de aumentar a oferta de concertos de música na cidade e contar con músicos de sólida traxectoria como o violinista ourensán José Manuel Álvarez Losada e o guitarrista Marcos Díaz. Tamén actuará Manuel Burgueras, pianista de Montserrat Caballé. A soprano Catina Bibiloni e o pianista Juan Carlos Cornelles pechan o elenco de artistas que actuarán nestes concertos.
O 8 de marzo volve José Sacristán a Ourense, coa dirección da obra “El hijo de la cómica”.
“La mujer rota”, de Simone de Beauvoir, chegará ao Teatro Principal con Anabel Alonso como protagonista. Será o 20 de marzo. Outro dos clásicos da programación é a MITEU, que cumpre 31 edicións e representará obras do 24 de abril ao 8 de maio. A programación coñecerase próximamente.
A compañía Tricicle tamén completa a diversa programación do primeiro semestre, nesta ocasión coa obra “La venganza de Don Mendo”, o 9 de maio. Por último, pecha o semestre Pentación Espectáculos, con “Las amargas lágrimas de Petra Von Kant”, o 11 de xuño.
Venda de abonos e entradas
Toda a información sobre a programación, os abonos de tempada que xa poden reservarse e a venda de entradas está dispoñible na web do Teatro Principal (teatroprincipalourense.com).

