Ourense Provincia

Roberto Fernández gañador do XLI Premio Blanco-Amor

O xurado destaca no seu fallo, adoptado por maioría, o “retrato certeiro do rural galego na década dos 50 do pasado século apoiado nunha excelente documentación” ademais do “tratamento acaído da perspectiva de xénero, a construción dos personaxes e o bo manexo dos diálogos, con acenos próximos á obra de Eduardo Blanco-Amor e Álvaro Cunqueiro”.

Óscar Gómez

Ourense | 30.11.2022 09:00

Roberto Fernández gañador do XLI Premio Blanco-Amor
Roberto Fernández gañador do XLI Premio Blanco-Amor | La Región

O autor Roberto Fernández Álvarez é o gañador do XLI Premio de novela longa Eduardo Blanco-Amor pola súa obra “A inmoral doutora Cons”, presentada baixo o pseudónimo de Carme Leonor Friedmann. A novela gañadora foi seleccionada de entre un total de 25 orixinais presentados a este certame, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, e que está dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica de Acisclo Manzano. A concesión do premio leva implícito á publicación da novela por unha editorial escollida polo gañador.

O xurado, reunido esta tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel, destaca a “habilidade do autor para reconstruír un tempo pasado” -a década dos 50 do século XX- e “o retrato certeiro do rural galego, cun matiz ourensán, fronte á perspectiva dunha médica que chega de fóra e que loita con valentía para desbotar prexuízos instalados naquela sociedade, principalmente no eido sanitario”. Ademais, o xurado destaca o “tratamento acaído da perspectiva de xénero, a construción dos personaxes e o bo manexo dos diálogos, con acenos próximos á obra de Eduardo Blanco-Amor e Álvaro Cunqueiro”.

En “A inmoral doutora Cons”, o narrador testemuña, Nonato González “Golpe”, lembra os acontecementos vividos na súa adolescencia arredor da chegada ao pobo da doutora África Cons del Valle. Unha novela coral, apoiada nunha excelente documentación, pola que transitan máis de 30 personaxes todos eles nun carácter moi singular.

O gañador recibirá o XLI Premio de Novela Blanco-Amor o sábado 3 de decembro no Liceo

Roberto Fernández Álvarez (Ourense, 1967) é médico de Atención Primaria en Allariz. É autor do ensaio “Enfermos pobres, médicos tristes”, gañador do XXI edición do premio Vicente Risco de ciencias sociais. O xurado, que tralo seu fallo estivo acompañado polo vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, foi presidido por Luís González Tosar, en representación da Fundación Blanco-Amor, e integrado por Elba Pedrosa, Mario Regueira, Tensi Gesteira e Maite Jiménez.

O galardón, o máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega, será entregado o 3 de decembro ás 20,00 horas nun acto literario que se celebrará no Liceo de Ourense.