Ribeira Sacra

Román Rodriguez pide ao novo ministro de cultura manter o apoio á Ribeira Sacra

O conselleiro de Cultura vén de enviar unha carta a Ernest Urtasun na que expón a importancia da candidatura á Unesco para as provincias de Lugo e Ourense.

Óscar Gómez

Ourense | 04.12.2023 07:54

Ribeira sacra
Ribeira sacra | Pixabay

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, vén de solicitar ao novo ministro de Cultura, Ernest Urtasun, que manteña o apoio do Goberno central á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade como fixeron os seus antecesores no cargo.

Consciente de que esta carteira ten experimentado diversos cambios nos últimos anos, cun total de cinco ministros desde 2018, o representante da Xunta de Galicia confía en que, tamén nesta nova etapa, continúe a interlocución entre ambos departamentos logo do intenso traballo desenvolvido ao longo do tempo na procura da declaración.

Román Rodríguez remitiu esta mesma semana unha carta de benvida institucional a Ernest Urtasun na que lle informou de diversos asuntos prioritarios para a cultura galega, entre eles a candidatura ante a Ribeira Sacra. “Confiamos e agradecemos anticipadamente que o seu Ministerio continúe apoiando a candidatura a Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra, un proxecto -afirma o conselleiro na misiva- no que Galicia envorcouse para protexer e valorizar a paisaxe cultural excepcional que conforma”.

Compromiso e avances

Cómpre lembrar o firme compromiso da Xunta Galicia coa zona da Ribeira Sacra e a súa postulación para ser declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. De feito, desde o ano 2017, cando comezaron os primeiros traballos da candidatura, o Goberno galego leva investidos 7,2 M€ para recuperar, mellorar, estudar, rehabilitar e garantir a conservación e posta en valor de 44 bens patrimoniais das provincias de Lugo e Ourense.

Este outono, reactivouse o labor de difusión pública, afondando tamén no traballo científico para fornecer a candidatura, a través dun congreso internacional celebrado no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil cunha trintena de expertos internacionais.