O Psoe reclamará una comisión de investigación polas concesions irregulares de subvencions na Deputación
Nacho gómez denunciou unha “trama de axudas” para “traficar con información” mentres Villarino advertiu “lucro electoral” tras reclamar “depurar responsabilidades políticas” e “solucións aos afectados"
O PSdeG-PSOE reclamará a creación dunha comisión de investigación para aclarar as responsabilidades políticas derivadas da concesión irregular de subvencións da Deputación de Ourense para facer fronte á crise da COVID-19, logo de que a difusión de información privilexiada por parte de cargos do PP, provocase que 683 solicitudes foran rexistradas fóra de prazo. A pesar diso e segundo puideron comprobar os socialistas, algunhas destas axudas xa foron abonadas.
Concretamente trátase de subvencións directas de 600 euros para autónomos e de ata 1.000 euros para pemes, outorgadas por concorrencia segundo orde de rexistro das solicitudes e só ata esgotar o crédito habilitado de 3,8 millóns. Nos días previos á obrigada publicidade a través do BOP, numerosos cargos públicos do PP difundiron a través de perfís persoais e institucionais de Facebook ou de chats de Whatsapp, documentación reservada da orde do día da Xunta de Goberno, así como información errónea sobre prazo e procedemento para solicitar as axudas. A propio web da institución tamén informa erroneamente do comezo do prazo ata hoxe mesmo.
Isto provocou que centos as persoas físicas e xurídicas procederan ao rexistro da documentación o 12 de maio, cando o prazo comezou realmente o mércores 13, un día despois da publicación no BOP. Concretamente foron 683 solicitudes e algunhas desas solicitudes xa foron abonadas.
O deputado, Nacho Gómez, incidiu en que estamos ante a “trama das subvencións” da pandemia creada coa “intención de mercadear coa vontade das persoas para, coma sempre, dar axudas aos seus amigos”. “Estamos ante 683 subvencións irregulares, ilegais e fóra de prazo”, insistiu o deputado antes de insistir nunha “trama para premiar aos seus”. “Baltar segue coa mesma política caciquil que agora, ademais, é tamén unha políticas incompetente xa que están a prexudicar as persoas afectadas pola pandemia”.
O portavoz, Rafa Villarino, asegurou que os socialistas buscan “aclarar as responsabilidades políticas” e “no caso de que se nos negue pensaremos se ir á vía xudicial”. Segundo o portavoz “este xeito de actuar tiña como obxecto garantir axudas a algúns amigos” polo que preguntou “que vai pasar con esas 683 persoas que están fóra de prazo e que, nalgúns casos, xa cobraron”. Tamén recalcou o papel que xogaron algúns deputados provinciais do PP que “buscaban lucro electoral” coa difusión desta “información privilexiada” antes de tempo. “É o concepto clientelar de sempre desta deputación”, aseverou antes de pedir que “se garanta unha solución aos afectados porque esa xente non é mais pero tampouco é menos que outros”.
Os socialistas recordan que “o rexistro anterior ou posterior ao prazo establecido nos procedementos iniciados a solicitude do interesado, implica a inadmisión das solicitudes por teren sido formuladas extemporaneamente”, e salientan que “numerosa xurisprudencia detalla a nulidade de resolucións baseadas en solicitudes fóra do prazo”. Así pois cualifican o sucedido como “unha evidente irregularidade e un importante risco para os afectados e afectadas pola pandemia, a causa dunha irresponsable xestión das subvencións por parte dos dirixentes políticos da Deputación”, e por iso cren “imprescindible” que se aclaren responsabilidades. “Un recurso dun solicitante, pode provocar consecuencias xurídicas relevantes así como a obriga de reintegro dos fondos percibidos”, advirten.
Desde o PSdeG-PSOE denuncian que “a pesar de ser coñecedor deste problema, o goberno bipartito provincial de PP e DO seguiu adiante coa convocatoria no lugar de buscar solucións efectivas para garantir seguridade xurídica plena”. E por iso, na moción coa que demandan a constitución da comisión de investigación, tamén instan á “execución inmediata dos mecanismos e trámites administrativos necesarios, para solventar os problemas ocasionados ós afectados e afectadas polas irregularidades no procedemento de publicidade e concesión das subvencións”.