Concello de Ourense

O Psoe interpon un contencioso administrativo contra a modificación de crédito

Instan á Xunta a facer exercicio das súas competencias no ámbito da tutela financieira e piden que Feijóo “deixe de avalar as políticas de Jácome en gratitude polos votos entregados a Baltar”

Óscar Gómez

Ourense | 14.09.2021 08:06

O Psoe interpon un contencioso administrativo contra a modificación de crédito
O Psoe interpon un contencioso administrativo contra a modificación de crédito | onda cero

O PSdeG-PSOE vén de interpor un recurso contencioso administrativo contra a aprobación definitiva do expediente de modificación de crédito por importe de máis de 62 millóns de euros feito “a dedo e de xeito unilateral” por Gonzalo Pérez Jácome, ao entender que se trata dunha manobra “ilegal” que furta ao pleno e á cidadanía a capacidade de formular alegacións e conleva un prexuízo irreparable para o Concello. Os socialistas aseguran que a vía xudicial é “a única solución para protexer a facenda do Concello” e evitar o “despilfarro do erario público” por parte dun alcalde “desquiciado”.

“Este recurso pon fin a unha serie de acontecementos que teñen como inicio a vontade dun alcalde que leva a cabo un proxecto individual sen contar con ningún grupo político e que ademais se somete a unha cuestión de confianza na que só recibe o apoio do grupo de Ciudadanos, e trala cal non se produce unha moción de censura porque o PP está a bloquear o goberno lexítimo que merece esta cidade”, relatou o voceiro socialista, Rafa Villarino.

Ademais, o socialista lembrou que “o PSdeG-PSOE de Ourense foi o único partido da oposición que formulou unha batería de emendas á macromodificación de crédito de xeito explícito”, a respecto do cal censurou que “estas emendas tiñan que ter sido admitidas e non o foron”.

Os socialistas entenden que a “macromoficiación” do alcalde é un “orzamento en B” e, no seu momento, pediron que se garantise un marco de actuación global centrado no ámbito social, no canto de “fulminar” o 75 % do remanente de tesoureiría do Concello “nun plan de obras encuberto” que non presenta unha memoria de necesidade suficiente para amparar a magnitude dos créditos extraordinarios propostos nin a necesidade dos mesmos.

“Nun orzamento ordinario de arredor de 105 millóns, que é do que dispón o Concello de Ourense, destínanse habitualmente catro millóns e medio para inversións. Aquí estamos a falar de máis de 62 millóns de euros para facer o que lle praza a un señor que nin sequera conta cos demais grupos políticos nin coa cidadanía”, criticou Villarino.Así as cousas, o voceiro socialista salientou que “era hora de facer algo realmente efectivo contra a inacción do PP e para deter un alcalde cuxas ideacións só poden levar a cidade á maior das catástrofes”.

Iniciativas no Parlamento de Galicia

Pola súa banda, o secretario de organización do PSdeG-PSOE e deputado no Parlamento de Galicia, Juan Carlos Francisco, avanzou que informarán ao Consello de Contas do que tachou de “novo abuso” do Concello de Ourense, ao tempo que presentarán iniciativas para instar á Xunta de Galicia a facer exercicio das súas competencias no ámbito da tutela financieira despois de que o Partido Popular rexeitase fiscalizar a Jácome e frear a modificación de crédito no seo do Parlamento galego.

“Estase a conculcar o artigo 23.2 da Constitución española que permite aos cidadáns presentar alegacións ou formulacións fronte a decisións administrativas de gran calado, como é unha modificación orzamentaria que se aproba definitivamente ligada a unha moción de confianza cando a doutrina do Tribunal Constitucional é contraria a todo isto”, defendeu o socialista, quen alegou que a postura dos populares é “un aval encuberto de Feijóo ás políticas de Jácome en gratitude a Baltar polos seus votos”.

Recurso contencioso-administrativo

No recurso, presentado en nome dos nove concelleiros que integran o grupo municipal socialista, sinalan que “a aprobación definitiva dunha modificación orzamentaria non cabe sen que se acorde unha fase de exposición ao público da mesma, e sen que as alegacións que se puideran presentar en dita fase sexan resoltas polo pleno municipal”. Entenden, por tanto, que “non se pode prescindir da exposición pública e dar por aprobada a modificación definitivamente”, e que “o prexuízo é irreparable para o Concello de Ourense posto que se o acordo adoptado é ilegal, o diñeiro terá sido aplicado e gastado en conceptos que nunca deberan ser realizados, mentres que a suspensión conlevaría unicamente un aprazamento nos gastos”.