Concello de ourense

O Psoe denuncia que os espazos públicos termais seguirán pechados toda a temporada turística

Alertan do risco da perda da subvención anual da Xunta para o acondicionamento das termas públicas, logo de que a edil popular recoñecese que solicitaron unha prórroga polo retraso nas obras.

Óscar Gómez

Ourense | 13.07.2022 08:37

O Psoe denuncia que os espazos públicos termais seguirán pechados toda a temporada turística
O Psoe denuncia que os espazos públicos termais seguirán pechados toda a temporada turística | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que, un ano máis, os espazos públicos termais seguirán pechados durante toda a tempada turística pola actitude “indiferente e preguiceira” da concelleira popular Flora Moure. Preguntada polos prazos de apertura das termas públicas durante a xunta de área, a edil de Turismo e Termalismo confirmou que as termas seguirán fóra de servizo durante todo o verán, algo que as e os socialistas cualifican de “situación gravísima e extremadamente prexudicial para a imaxe de Ourense como destino termal de referencia”.

“Estamos ante un escenario dramático, coas obras da Burga de Canedo, Muíño da Veiga, Chavasqueira e Outariz sen sequera empezar e previstas para acometerse precisamente durante os meses de maior afluencia turística”, lamentou Xosé Rúas, quen sinalou que, no caso da piscina das Burgas, “o prazo de execución ascende ata os 9 meses”.

Alertan, ademais, do risco da perda da subvención anual da Xunta de Galicia para o acondicionamento das termas públicas, logo de que a edil popular recoñecese que dende o goberno local solicitaron unha prórroga polo retraso nas obras. “A subvención hai que xustificala antes de que remate o ano e vai ser imposible facelo”, puxo de manifesto Rosa Martínez, quen advertiu do risco de perder unha “importante e necesaria axuda autonómica” ante a imposibilidade de que esta se execute no prazo requirido pola “total falta de compromiso e abrumante deslealdade do bipartito PP-DO”.

Así mesmo, dende o PSdeG-PSOE de Ourense acusan ao goberno local de “aniquilar” a oferta termal na cidade, mentres outros concellos próximos como Ribadavia están a funcionar “a pleno rendemento”, acollendo o éxodo termal de turistas que foxen da capital. “Incluso concellos gobernados polo PP coma Cenlle e Salvaterra de Miño teñen as termas abertas, polo que cómpre preguntarse polo motivo deste maltrato indiscriminado e inmerecido a Ourense”, sinalan.

“Preguntámonos se o renovado candidato do PP á alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas, aproba e apoia esta pésima xestión por parte da concelleira de termalismo”, indagou Rúas. “Hoxe, Flora Moure recoñeceu que non existe unha partida específica de termalismo nos orzamentos municipais, algo que nos sorprende posto que a responsabilidade das contas no Concello recae na súa compañeira de partido, Ana Moure”, puntualizou.