O Psoe de Cartelle denuncia que o concello emprega una parcela municipal como vertedoiro
O voceiro socialista, Jesús Pereira, destaca que “este vertedoiro é un perigo medio ambiental para o regato da Boullosa
O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia que o concello, baixo goberno do Partido Popular e do alcalde, Jaime Sousa, emprega a masa común da parcelaria, que pasou a propiedade municipal, como vertedoiro de residuos, xerando graves problemas medio ambientais na contorna e deixando unha imaxe, que en palabras dos socialistas “dana por completo o noso municipio”. Os socialistas critican tamén que o Concello decidise converter esta propiedade municipal nun vertedoiro, no que os camións descargan os escombros con “nocturnidade e aleivosía”, afirman, a vez que apuntan que “a empresa baleira os camións as seis da mañá co obxectivo de que non os vexa a veciñanza”.
Unha situación que dende o Grupo Municipal Socialista consideran “intolerable” e afirman que o Partido Popular é coñecedora da mesma, xa que un dos seus concelleiros pasa pola zona “con asiduidade”. O vertedoiro atópase situado na parroquia de Cartelle, no percorrido da OU-0215 e moi preto o regato da Boullosa, que transcorre polas inmediacións e é o motivo polo que os socialistas denuncien a situación, que está a producir “danos medioambientais o ecosistema e moi probablemente o regato”.
O voceiro socialista, Jesús Pereira Vázquez, destaca que “este vertedoiro é un perigo medio ambiental para Cartelle, a veciñanza, o ecosistema e para o regato da Boullosa, que transcorre a carón deste lugar e que se ve afectado pola situación que se está a dar neste vertedoiro. Pereira advirte que “xa puxemos en coñecemento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil esta situación e nos próximos días procederán a investigar os feitos”.
Os socialistas esíxenlle o alcalde do PP, “o peche inmediato deste vertedoiro” e pídenlle que “deixe de vivir na desidia constante e se poña a traballar pola veciñanza de Cartelle, que se atopa abandonada a súa sorte”. Jesús Pereira critica que o alcalde “teña pouca altura de miras” e aproveite unha propiedade municipal para crear un vertedoiro na parroquia de Cartelle, algo que segundo apunta “ten moi descontenta á veciñanza, que non quere escombreiras innecesarias no seu municipio”. Pereira finaliza afirmando que “non imos tolerar que contaminen o noso municipio e que actúen sen pensar no dano que ese vertedoiro pode causar no ecosistema”.
Muíños en situación de abandono
No propio leito do regato da Boullosa e situado a carón deste vertedoiro, tamén se atopan dous muíños, que antigamente se empregaban para dar servizo á veciñanza, pero que na actualidade se atopan en situación de abandono. Os socialistas pídenlle ao concello “un plan de rehabilitación” dos mesmos, co obxectivo de “recuperar o patrimonio no municipio”. Ante a situación do vertedoiro, próximo tamén as estes dous muíños, os socialistas consideran primordial que “se actúe de xeito inmediato na zona, dándolle o valor que precisa por historia” e segundo afirma o voceiro Jesús Pereira “recuperar a zona do regato da Boullosa para uso e desfrute da veciñanza”.