O grupo municipal socialista de Ourense anuncia que levará, pola vía da urxencia, unha iniciativa ao pleno deste venres para instar a todos os grupos políticos municipais a asinar “xa” a moción de censura contra Gonzalo Pérez Jácome, despois de que nos últimos días transcendera que o alcalde está sendo investigado pola Fiscalía despois de baixar arbitrariamente os “bolardos” e que coaccionou –por medio dun asesor– a unha edil de Democracia Ourensana para que renunciara á súa acta municipal a cambio dun posto de persoal eventual na deputación de Ourense.
Os socialistas pregúntanse “que máis ten que pasar para que os grupos políticos do consistorio asinen a moción de censura contra Jácome”, ao tempo que sinalan que os últimos “despropósitos” do alcalde son só “uns de tantos” acontecidos dende o inicio do seu mandato, e que reflexan o estilo de goberno dun alcalde “sen escrúpulos”.
“Estamos ante un rexedor que degrada o Concello, os seus traballadores e representantes políticos, os xornalistas que desenvolven o seu rol de informadores e a imaxe que proxectamos como cidade”, expoñen na moción, que será sometida á aprobación do pleno municipal mañá.
Dende o grupo municipal socialista lamentan que a “pésima” xestión do alcalde levou a perder case un millón e medio de euros da subvención para a rehabilitación da praza de abastos, ao tempo que censuran que o alcalde “malgaste millóns en persoal para proxectos baleiros” e que conte con 18 asesores para un “microgoberno” de tres concelleiros.
Ademais, consideran que Jácome demostrou ser “un mandatario sen contacto coas administracións autonómicas e estatais, sen modelo de cidade nin interese pola integración ferroviaria, que despreza a cultura e a educación, que ignora ás mulleres na composición das súas listas electorais, e renuncia a protexelas debidamente contra a violencia de xénero, que ten as estradas, parques, beirarrúas e zonas verdes en estado de abandono, e coa licitación de obra pública practicamente inexistente”.
Por outra banda, os socialistas acusan ao alcalde de “carecer de ideas para o comercio e as prazas de abastos, de ter as principais concesións en precario, o alumeado público en obsoleto, o termalismo estragado, a atención aos maiores e á infancia baixo mínimos, e a política fiscal afastada das persoas máis desfavorecidas”, entre outras mostras de “desgoberno” no contexto dunha pandemia sen precedentes nos últimos cen anos.
[[H3:“O PP debe asinar, xa”]]
O PSdeG-PSOE considera que estas accións requiren dunha “solución urxente” que debe artellarse nun proxecto dialogado cos representantes políticos “lexitimamente elixidos nos comicios municipais de 2019”. Neste sentido, pídenlle ao PP que “deixe de utilizar a escusa do veto ao candidato máis votado do partido que gañou as eleccións” e permita que “alomenos un” dos seus sete edís apoie a moción de censura para conseguir as 14 sinaturas necesarias e mudar a “decadencia” da cidade.
“O PP debe asinar, xa. Existe un clamor social pola rexencia responsable, próxima e útil” aseguran, ao tempo que lles piden aos populares que permitan unha “alternativa de goberno digna e de futuro” para Ourense.