Pleno Concello de Ourense

O Psoe acuasa ao PP de "cinismo" na súa defensa da UPO

“Que temos que facer para convencelo de que non siga adiante con esta aldraxe?” preguntáronlle os socialistas ao alcalde, ao tempo que instaron a Jácome a deter o “culturicidio” na cidade

Óscar Gómez

Ourense | 02.07.2021 10:36

O Psoe acuasa ao PP de "cinismo" na súa defensa da UPO
O Psoe acuasa ao PP de "cinismo" na súa defensa da UPO | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de acusar ao Partido Popular de “cinismo” na súa defensa da Universidade Popular durante o transcurso do pleno extraordinario monográfico para lograr o compromiso do goberno local de cara a reactivar e comprometerse institucionalmente co mantemento do servizo municipal, unha iniciativa que foi aprobada co apoio de toda a corporación, a excepción do grupo de goberno.

O voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, destacou, durante a súa defensa, os valores asociados á Universidade Popular, concretamente o seu carácter municipal, “polo que non pode pasarse á Deputación”, subliñou. Así mesmo, fixo fincapé na “universalidade” dun proxecto cuxas orixes están vencelladas á educación das persoas “máis desfavorecidas” e tachou de “aldraxe” que o alcalde tente desmantelar un proxecto cuxos precursores foron a Xeración Nós, precisamente no ano no que Ourense celebra o centenario do grupo intelectual galeguista.

“Que temos que facer para convencelo de que non siga adiante con esta aldraxe?” preguntáronlle os socialistas ao alcalde. “Persoas de todos os ámbitos da cultura apoian a UPO, por que está vostede contra ela?” inquiriron, ao tempo que instaron a Jácome a deter o “culturicidio” na cidade: “Vostede quere acabar con todo; deixe en paz a UPO e apoie ao profesorado e aos alumnos”, solicitaron.

“Todos por la pasta”

En relación á actitude dos populares, o voceiro socialista asegurou que “vostedes renunciaron ao seu compromiso coa cultura cando volveron pactar con Jácome”. Neste sentido, Villarino censurou que os populares “veñan aquí a defender a UPO e logo se integren no goberno cun alcalde que non o vai facer”.

Neste sentido, o voceiro lamentou que a volta dos populares “non vai darlle estabilidade á cidade" posto que os grupos de DO e PP non suman as 14 actas necesarias. “Temos claro por que volveron ao goberno: todos por la pasta”, lamentou.

“O pacto con Democracia Ourensana non é de dous anos, senón de seis. O que están tratando é de mirar cara ás seguintes eleccións”, abundou Villarino, quen tachou de “segunda rendición de Breda” a reedición do bigoberno anunciada por Jácome tralo receso do pleno extraordinario.