O campo de hóckey de Mariñamansa será a sede da Fase Final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas Sub 14, tanto masculino como feminino, que terá lugar do 26 ao 28 de febreiro, logo da designación da nosa cidade por parte da Real Federación Española. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado por directivos da Federación Galega de Hóckey e representantes da Xunta de Galicia, foi o encargado de presentalo esta mañá en rolda de prensa. O rexedor lamentou que non poida asistir público ao evento por motivos de seguridade, pero animou a todo o mundo a seguir o desenvolvemento do campionato a través da canle de youtube da Federación Galega de Hóckey.
Xunto ao alcalde, estiveron Roberto Baratta, director do comité organizador do campionato; Alberto Estévez, presidente da comisión xestora da Federación Galega de Hóckey; e Manuel Pérez, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense.
O Campionato de España de Seleccións Autonómicas Sub14 Feminino e Masculino dispútano os 5 equipos autonómicos rexistrados de cada federación territorial. Celebraranse dúas competicións paralelas: masculina e feminina, con organizacións paralelas aínda que simultáneas, cada unha coa súa equipa federativa, director de torneo, responsable de árbitros e árbitros. En total, pasarán polo centro de Mariñamansa preto de 250 persoas.
En todo caso seguiranse estritamente os protocolos COVID-19 fixados para este tipo de competición polo Consello Superior de Deportes, a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Hóckey e o Concello de Ourense. A organización nomeará un delegado de campo para estas tarefas, que estará coordinado cos servizos médicos da Federación Galega de Hóckey, presentes no campo durante a celebración do torneo.
As rapazas, a defender título
As seleccións rexistradas son 5 masculinas e 5 femininas, que disputarán o campionato en formato liga, a unha soa volta e nun grupo único -todas contra todas e final-. A selección de Galicia feminina defende o título acadado o pasado ano en Jaén.