Concello de Ourense

Obras de permeabilización viaria en Ramón Puga e Tarascón

O Concello de Ourense e ADIF impulsan as obras para mellorar a permeabilidade viaria, o bxectivo é licitar as obras en abril, inicialas en decembro e rematalas a finais de 2023

Óscar Gómez

Ourense | 10.03.2022 08:00

Obras de permeabilización viaria en Ramón Puga e Tarascón
Obras de permeabilización viaria en Ramón Puga e Tarascón | Ourense.gal

O Concello de Ourense e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) avanzan na execución das obras para mellorar a permeabilidade viaria na rúa Ramón Puga e na localidade de Tarascón.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome participou no salón de plenos do Concello na xuntanza de constitución da comisión de seguimento que velará pola execución dos traballos, na que ADIF está representada polo seu subdirector de pasos a nivel, Roberto Muela Gutiérrez.

Concello e ADIF perfilaron unha folla de ruta para a próxima execución das obras, coa previsión de licitalas en abril, de xeito que se poida comezar a súa execución en decembro do ano actual e rematalas en decembro de 2023.

O convenio asinado en novembro pasado polo Concello e ADIF ten como obxectivo a execución de dous proxectos de mellora de permeabilidade da cidade en contornas polas que pasa a vía do tren, concretamente na rúa de Ramón Puga, onde existe un paso inferior para peóns e vehículos baixo a liña Zamora-A Coruña, e na localidade de Tarascón, onde un viaduto serve de paso superior para salvar a liña Monforte-Vigo. Para mellorar as condicións de uso executaranse obras de ampliación dos dous pasos existentes.

As obras serán financiadas ao 50% polas dúas entidades, tanto no relativo ás expropiacións de terreos e a execución das obras. Será en total un investimento de 1.178.550 euros, dos que Concello e ADIF achegarán 589.265 cada un. O ente ferroviario asumirá a licitación, adxudicación e execución das obras. Unha vez rematadas, entregaralle os viais ao Concello, que se encargará da súa conservación e mantemento, mentres que a infraestrutura ferroviaria seguirá sendo xestionada por ADIF.