Infraestructuras

Obras de acondicionamento da estrada OU-540 entre Celanova e Bande

A actuación está a comezar en Bande e desenvólvese no primeiro treito da estrada, con maior intensidade de tráfico, atravesando tamén Verea e Celanova.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Obras de acondicionamento da estrada OU-540 entre Celanova e Bande
Obras de acondicionamento da estrada OU-540 entre Celanova e Bande | Xunta de Galicia

A Xunta inicia as obras de mellora da estrada OU-540 entre Celanova e Bande, que suporán un investimento de 6M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou estas actuacións.

Allegue destacou que estas obras, cun prazo de execución de 18 meses, van supoñer unha transformación desta estrada ao longo de 14,1 quilómetros. Subliñou os obxectivos de ampliar a capacidade, a seguridade viaria e a funcionalidade da estrada, que arranca na conexión coa AG-31 (Ourese a Celanova) e conecta con Portugal.

Esta actuación, que está a comezar en Bande, desenvólvese no primeiro treito da estrada, que é onde se rexistra a maior intensidade de tráfico, atravesando Celanova, Verea e Bande. Trátase, segundo detallou a conselleira, dunha intervención estratéxica para mellorar as comunicacións na comarca da Baixa Limia, pois reforzarase a conexión entre núcleos rurais e, como consecuencia, as oportunidades de acceso a servizos nesta contorna.

A intervención incluirá a mellora do firme, corrección de curvas e redeseño de interseccións, adaptando a estrada ás esixencias actuais de tráfico. O treito que concentrará o maior volume de actuacións será o comprendido entre Agrelo e Bande Norte. Neste tramo de 7,5 quiómetros, ampliarase a plataforma con carrís adicionais de adiantamento, mellorarase unha intersección, rectificaranse curvas e renovarase a capa de rodaxe.

Tamén se executarán sendas peonís en Agrelo e Carballo, ademais da renovación de cunetas, adecuación de accesos e mellora da iluminación viaria onde sexa necesario. A conselleira puxo en valor o esforzo técnico e financeiro da Xunta para reforzar a seguridade na rede viaria autonómica e destacou que no que vai de ano se investiron máis de 50 M€ en preto de 500 quilómetros de estradas.