Concello de Ourense

A iluminación artística de Nadal continuará engalanando as rúas da cidade até o domingo

O Concello realizou este ano unha especial aposta por reforzar a iluminación de Nadal, duplicando o orzamento para chegar a máis barrios e rúas da cidade

Óscar Gómez

Ourense | 05.01.2021 08:57

A iluminación artística de Nadal continuará engalanando as rúas da cidade até o domingo
A iluminación artística de Nadal continuará engalanando as rúas da cidade até o domingo | La voz de galicia

A iluminación artística instalada polo Concello para decorar as rúas e prazas da cidade durante o Nadal seguirá acendida até o domingo, día 10 de xaneiro. Asi o decidiu o goberno municipal, coa finalidade de que a ambientación festiva que loce a cidade siga funcionando nas datas máis inmediatas á última das citas emblemáticas das festas, o Día de Reis, e constitúa unha transición durante estes 4 días de ponte. Con esta iniciativa, o Concello quere contribuír a dinamizar a cidade nunhas datas que tradicionalmente resultan de moita actividade comercial, apoiando o comercio local da cidade que inicia o período de rebaixas.

luces de navidad no concello de ourense
luces de navidad no concello de ourense | la voz de galicia

O Concello realizou este ano unha especial aposta por reforzar a iluminación de Nadal, duplicando o orzamento para chegar a máis barrios e rúas da cidade, instalando 2.159.343 puntos de luz, en 159 emprazamentos diferentes, entre arcos, adornos de farois, árbores e elementos tridimensionais. O conxunto consta dun total de 392 arcos nas rúas, 328 farois con adornos e 582 árbores decoradas, entre as que destaca a da Praza Maior, con forma de cono xigante, sobre unha base de 7 metros de ancho e 18,80 metros de altura, dotada de 50.832 luces led.