O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destaca en Boborás o labor que fai o Goberno para fortalecer o patrimonio histórico e turístico da provincia de Ourense grazas aos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). O subdelegado visitou as obras de dotación dun aparcadoiro disuasorio no núcleo de Pazos de Arenteiro, en Boborás, unha acción enmarcada no PSTD “Ourense colle velocidade, vilas históricas e termais”.
Na visita, Eladio Santos explicou que o aparcadoiro disuasorio contribuirá á eliminación do tráfico contaminante do núcleo de Pazos de Arenteiro, declarado Ben de Interese Cultural (BIC). “Esta actuación responde ao obxectivo dos PSTD de incorporar a sustentabilidade de maneira efectiva nos destinos, o que redundará de forma positiva na estética e na conservación deste conxunto histórico artístico”, indicou.
Nesta liña, o subdelegado enxalzou o destino “Ourense colle velocidade, vilas históricas e termais”, financiado con 1,5 millóns de euros da convocatoria de 2023 do Ministerio de Turismo, por ser exemplo dese avance do modelo turístico sostible polo que aposta o Goberno de España.
Por iso, Eladio Santos agradeceu ao presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que a institución que preside se presentase á convocatoria do Programa Extraordinario de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, creado pola Secretaría de Estado de Turismo para apoiar a transformación dos destinos turísticos españois en polos de innovación turística, con fondos NextGeneration, no marco do PRTR. “A colaboración institucional e fundamental para o desenvolvemento de accións e políticas públicas útiles que beneficien ao territorio e á cidadanía”, remarcou. No acto estiveron tamén a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, e representantes da Xunta.
O subdelegado lembrou que esta non é a única actuación que financia o Goberno en Pazos de Arenteiro, pois o Concello de Boborás está a executar as obras de mellora da competitividade do conxunto histórico de Pazos de Arenteiro, coa axuda de 2,6 millóns de euros concedida polo Ministerio de Industria e Turismo para BICs de uso turístico. “Unha aposta sen precedentes que suporá un revulsivo turístico para este núcleo rural tan singular e característico da provincia de Ourense”, sinalou.

