Galiciencia

Francisco Conde inagurou Galiciencia 2022 con preto de 2900 rapaces participantes

Estanse a amosar proxectos moi diversos baseados na Economía Circular, desde un un coche que se controla coa mente, ata un semáforo para persoas con discapacidade visual-auditiva ou un robot regador

Óscar Gómez

Ourense | 12.05.2022 09:41

Francisco Conde inagurou Galiciencia 2022 con preto de 2900 rapaces participantes
Francisco Conde inagurou Galiciencia 2022 con preto de 2900 rapaces participantes | onda cero

Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, arrancaba esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia baixo o lema da Economía Circular e prolongarase ata o venres. O seu obxectivo é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia; e co patrocinio da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación). A feira vai reunir en torno ás diferentes actividades programadas a un total de 2874 participantes.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, visitou esta mañá a feira. O conselleiro salientou a súa satisfacción por poder “asistir, un ano máis, despois de dous anos que, lamentablemente, non puidemos manter a presencialidade. Retomamos Galiciencia, esta iniciativa da Xunta de Galicia e Tecnópole, unha iniciativa moi importante para que os máis xoves poidan desenvolver eses coñecementos científicos e tecnolóxicos e, sobre todo, para que poidamos espertar neles as vocacións científicas. Os máis novos van ter a oportunidade de demostrar a súa creatividade, a súa orixinalidade e, por tanto, impulsar proxectos que vaian na liña de xerar un incentivo para o emprendemento”.

O conselleiro referiuse á temática desta edición da feira. “Parecíanos que nesta edición tiña todo o sentido que puideramos vencellar a ciencia á sostibilidade e á economía circular, que, dalgún xeito, son as tendencias que nestes intres teñen un maior impacto desde o punto de vista económico e social” -apuntou-.

Un total de 50 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP e os 20 de Primaria

Entre os 50 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP e os 20 de Primaria que participan na feira de xeito presencial hai propostas moi variadas e de campos diversos como a agricultura, bioloxía, comunicación, economía circular, física, historia, medio ambiente, música, robótica, apps ou tecnoloxía. Un equipo propón a creación de perfumes con aceites esenciais, outro un coche que se controla coa mente, hai un semáforo para persoas con discapacidade visual-auditiva, un ensaio de biorremediación cun fungo sobre mascarillas cirúrxicas, unha ventá calefactora, un sistema para apagar chamas sen

empregar auga, unha boneca de reanimación cardiopulmonar, un robot regador, un sistema para depurar auga de xeito caseiro ou un proxecto para utilizar o peixe cebra como ferramenta para a investigación biomédica, entre outras ideas e proxectos.

Os máis pequenos están a elaborar cerámica a partir de residuos de comida

Ademais do concurso de proxectos, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. O alumnado de Primaria e Educación Especial está a participar en dous talleres diferentes. Por un lado, “Redeseño Coñecementos!”, destinado a coñecer as posibilidades da Economía Circular e as súas vantaxes a través da reutilización e redeseño dos materiais, aprendendo como se separa o lixo para a súa reciclaxe e como a materiais de uso cotiá se lles pode dar unha segunda vida.

Por outro lado, no taller “Eco-Deseñar, Bio-Fabricar” están a ver a importancia de incorporar o pensamento medioambiental no deseño dos produtos que empregamos, reducindo a cantidade de materias primas necesarias para a súa fabricación e facéndoos máis duradeiros e fáciles de reparar, reutilizar e reciclar. Entre outras experiencias, están a elaborar cerámica a partir de residuos da comida.

Programa de radio

Os rapaces e rapazas de Secundaria e Bacharelato que expoñen os seus proxectos na feira tiveron a oportunidade de asistir e participar no programa “Efervesciencia” da Radio Galega, que conduce Manuel Vicente. Contouse coa participación de investigadores e investigadoras expertos en economía circular e co director do Parque Tecnolóxico de Galicia, Javier Taibo.

O espectáculo de ciencia poderá seguirse por streaming

Este xoves, entre as 11:00 e as 12:00 horas, celebrarase un novo espectáculo de ciencia, que tamén se poderá seguir a través da canle de Youtube de Tecnópole (https://www.youtube.com/c/tecnopole), para alumnado de Secundaria, FP e Bacharelato.

Ademais, terá lugar a final do Desafío científico “Atrévete coa Economía Circular!”, no que durante os últimos meses participaron equipos desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia de xeito online.

Máis información:www.galiciencia.com