Comercio

Éxito dos bonos activa comercio que pechan a 1ª edición con máis de 11 M€ mobilizados

José González subliña que esta edición pechou coa participación duns 6.400 establecementos, onde se esgotou o orzamento dispoñible de 2,5 M€ en descontos

Onda Cero Ourense

Ourense |

Éxito dos bonos activa comercio que pechan a 1ª edición con máis de 11 M€ mobilizados
Éxito dos bonos activa comercio que pechan a 1ª edición con máis de 11 M€ mobilizados | Xunta de Galicia

Neste contexto, esta primeira edición de 2026, que arrancou o pasado mércores 27 de maio, pechou tras mobilizar máis de 11,1 M€ en vendas na Comunidade. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González lembrou que o Goberno galego destinou un orzamento de 2,5 M€ coa previsión de investir inicialmente 5 M€ en todo 2026 para aplicar descontos individuais de ata 30 euros.

Ademais, subliñou que, do mesmo xeito que no 2025, este ano a adhesión dos establecementos —aberta o pasado 27 de marzo— realízase unha única vez para todas as edicións desta anualidade, co obxectivo de gañar axilidade e reducir trámites burocráticos.

A isto como novidade engadiuse un sorteo nas contas oficiais da Xunta en TikTok e Instagram de catro premios adicionais de 250 euros para gastar nunha ou varias tendas adheridas á campaña. O obxectivo, destacou, é reforzar esta medida consolidada, que só o ano pasado conseguiu mobilizar máis de 22,3 M€ en máis de 7.400 establecementos, superándose agora os 133 M€ en vendas desde a primeira edición de 2021.

Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030

Accións consolidadas como os Bonos Activa Comercio, así como o apoio destinado ao sector, especificou José González, reflíctese no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, dotado con 320 M€ e máis de 70 accións. Unha ferramenta, salientou, na que a colaboración público-privada é fundamental como mostra a Mesa do Comercio de Galicia, un órgano de participación constituído recentemente que reforza a cooperación entre administracións e sector.

En relación cos apoios recollidos no plan e que tamén foron obxecto da xornada de diálogo de hoxe destacou as axudas que poñen o foco na innovación e na sustentabilidade do sector comercial, dotadas este ano con preto de 4 M€; o impulso ás prazas de abastos para promover a súa certificación como Mercados Excelentes e o reforzo da formación, coa posta en marcha do Plan de Formación do Comercio Galego. Tamén puxo en valor outras iniciativas enfocadas a recoñecer o labor dos profesionais do sector comercial e desta actividade como xeradora de emprego e dinamizadora da economía local e vertebradora do territorio. Entre elas, os Premios do Comercio Galego, que teñen aberto ata o 15 de xuño o prazo para presentar candidaturas.

Ademais, referiuse a outros apoios como os destinados ao colectivo de autónomos, onde destaca a orde única dotada con 40,7 M€ e con prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro. Trátase dun conxunto de medidas coas que o Goberno galego busca dar resposta aos retos actuais do sector, entre eles a remuda xeracional, e reforzar a competitividade do comercio de proximidade en todo o territorio, engadiu.