Ourense Cidade

Ethel vázquez avanza que a rúa Marcelo Macías será máis segura e accesible para os veciños

Avanza o apertura do tráfico na rúa durante as festas do Nadal para facilitar a actividade dos comerciantes

Óscar Gómez

Ourense | 09.11.2020 08:34

Ethel vázquez avanza que a rúa Marcelo Macías será máis segura e accesible para os veciños
Ethel vázquez avanza que a rúa Marcelo Macías será máis segura e accesible para os veciños | onda cero

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que a Xunta está a avanzar nas obras de mellora da rúa Marcelo Macías de Ourense a bo ritmo e atendendo as demandas veciñais, co obxectivo de que na primavera de 2021 esta vía sexa máis segura, máis accesible e máis humana para desfrute de todos os ourensáns, grazas a un investimento autonómico de 1,7 millóns de euros.

Así o trasladou Vázquez Mourelle ao remate do encontro mantido hoxe, por videoconferencia, cos responsables das obras e o xefe do servizo de Infraestruturas na provincia e o director da actuación, para avaliar, sobre vídeos e imaxes, o avance das actuacións.

Puxo en valor a “gran envergadura” desta mellora, na que se intervén en 1,3 km da vía de titularidade autonómica OU-540, para renovar e mellorar o pavimento, os sinais, as beirarrúas ou os pasos de peóns, así como as redes de abastecemento e de saneamento e o alumeado público.

A actuación inclúe, ademais, traballos de mantemento e conservación no viaduto sobre o río Barbaña e o reforzo da seguridade viaria da rúa, cun total de 7 pasos de peóns elevados coa fin de reducir a velocidade dos vehículos e protexer aos viandantes.

No balance da evolución dos traballos, Ethel Vázquez subliñou os progresos na renovación dos servizos municipais. En concreto, está xa executada ao 50% a renovación prevista de 900 metros de tubaxe de abastecemento; renovouse xa máis do 40% dos 1.600 metros de canalizacións da rede de saneamento; e máis do 35% da renovación da rede de alumeado.

A conselleira de Infraestruturas puxo o acento no importante labor de modernización dos servizos urbanos nesta obra, na que se están a empregar últimas tecnoloxías que van a permitir gañar en eficiencia enerxética, grazas ás máis de 130 farolas led que se prevén instalar. Referiu tamén avances significativos na mellora da accesibilidade das beirarrúas e, adiantou a previsión do inicio nos vindeiros días das tarefas de conservación sobre o río Barbaña.

A conselleira apuntou que, no seu conxunto, as obras acadan unha porcentaxe de execución do 25% e que se traballa coa previsión de ir eliminando progresivamente as restricións de tráfico conforme se vaian rematando fases da intervención.

Sinalou que os traballos están organizados para minimizar, en todo o posible, as afeccións na rúa Marcelo Macías, unha das principais arterias de comunicación de Ourense, que dá acceso á zona Sur da cidade e ao Complexo Hospitalario. Lembrou, neste sentido, que xa no mes de setembro se adoptaron medidas para reducir as afeccións de tráfico nas fins de semana e, a finais de outubro, conseguiuse deixar xa de forma permanente aberto o tráfico de entrada á cidade.

Tamén, avanzou que, para facilitar a actividade dos comerciantes, durante as festas de Nadal está previsto o levantamento dos cortes de tráfico e quedará habilitada a circulación en dobre sentido. Trátase, incidiu, de seguir intentando dar resposta a todas as achegas que realizan, tanto os veciños como os comerciantes desta zona.

Ethel Vázquez referiuse ás moitas actuacións impulsadas pola Xunta en Ourense para mellorar a mobilidade, a seguridade viaria e contribuír a facer cidade.

Citou as principais actuacións en execución: a nova estación de autobuses da intermodal cun investimento autonómico de 9 millóns de euros, tendo en conta a achega ao aparcadoiro subterráneo; a demolición da vella terminal para facilitar a construción dunha residencia da terceira idade, cun investimento de 650.000 euros; ou a intervención iniciada da segunda fase da posta en valor da Ponte Vella, no contorno da Capela dos Remedios, cun orzamento de 1 millóns de euros

Salientou, ademais, que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a aprobación do proxecto das obras da segunda fase da mellora da seguridade viaria en Seixalbo e que onte o Consello da Xunta aprobou o trámite expropiatorio para esta actuación que suporá un investimento autonómico de 1 millóns de euros. Trátase de completar a mellora da seguridade viaria nesta estrada autonómica, no treito comprendido entre os puntos quilométrico 0+800 e 1+150, mediante a reordenación do tráfico de acceso ao tanatorio e a construción dunha glorieta no punto quilométrico 1+065, coa fin de facer a circulación en dito treito máis cómoda e segura.

En palabras da conselleira, estes investimentos de máis de 16 millóns de euros “evidencian un compromiso incuestionable do Goberno galego coa cidade de Ourense e coas súas necesidades, que contrasta coa falta de atención e resposta por parte do Goberno de España ás demandas desta cidade en materia de infraestruturas, tal e como vén de quedar reflectido os Presupostos Xerais do Estado para 2021”, remarcou.