O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destaca o “apoio sen precedentes” do Goberno ao sector turístico de Ourense, coa creación dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). Fíxoo durante o peche do programa de formación para o emprendemento no Destino Ourense Termal, celebrado na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense.
“O Goberno de España tomou a decisión de poñer en marcha unha estratexia pioneira para reforzar o sector turístico desde o ano 2020, cos PSTD, e os resultados son evidentes”, sostivo na súa intervención Eladio Santos, quen celebrou “a revolución turística” que supuxo o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España para a provincia de Ourense, “cunha inversión histórica”.
O subdelegado enxalzou o Destino Ourense Termal como exemplo dese avance do modelo turístico sostible polo que aposta o Goberno de España e felicitou aos emprendedores e emprendedoras que participaron no programa de formación financiado polo Ministerio de Industria e Turismo, porque son “un exemplo de constancia e traballo”.
“Sustentabilidade, dixitalización e cogobernanza son os tres eixos nos que se fundamentan os PSTD para desenvolver o turismo responsable polo que apostamos”, indicou Santos, que puxo en valor a colaboración institucional coa Deputación de Ourense, a través do Inorde, coa Xunta e a Universidade de Vigo para poder levar a cabo proxectos como este “que aportan valor ao territorio”.
14 millóns de euros
Así mesmo, o subdelegado explicou que desde que se puxo en marcha o PRTR, o Goberno de España investiu de xeito directo en turismo na provincia de Ourense máis de 13,8 millóns de euros, dos que 8,7 millóns foron para os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD); 1,3 millóns para o PID da Deputación Ourense Cerca de ti;1,1 millóns para a intervención do Parador de Santo Estevo e 2,6 millóns no Conxunto Histórico Pazos de Arenteiro. A estas axudas, hai que sumar máis de 10 millóns de euros destinados á Actuación de Cohesión en Destino (ACD) Termal de Referencia, da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxa maior parte se sitúa na provincia de Ourense.

