Empresas

Dúas empresas ourensás internacionalizan os seus produtos

Coa axuda do programa “Galicia Avanza”, impulsado pola Xunta e Tecnópole.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Dúas empresas ourensás internacionalizan os seus produtos
Dúas empresas ourensás internacionalizan os seus produtos | onda cero

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” iniciábase en 2022 impulsado pola Consellería de Economía e Industria -a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-, entidade encargada da súa xestión e coordinación. Na cuarta edición do programa, que acaba de concluír, participaron 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade.

Durante os dez meses de duración do programa, traballouse na saída ao exterior das empresas e tamén na consolidación internacional das que xa tiñan experiencia neste eido, abríndolles novos mercados ou accedendo a novos segmentos de clientes. Axudóuselles a mellorar a súa estratexia comercial internacional, avanzouse na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras empresas. Das 30 pemes participantes, dúas sitúanse na cidade de Ourense.

Dúas empresas ourensás internacionalizan os seus produtos
Dúas empresas ourensás internacionalizan os seus produtos | onda cero

Dame Après Paris

Dame Après Paris é unha casa de deseño de moda de luxo contemporáneo fundada en 2021. Os seus impulsores defenden que a alta costura poda facerse dende calquera parte do mundo, neste caso dende a Galicia rural. Comercializan as súas prendas e accesorios principalmente a través da súa tenda en liña. Ademais, venden en boutiques selectas en diversos puntos de España. Desde a súa creación, a firma experimentou un crecemento exponencial no mercado nacional, grazas ao seu deseño innovador, fabricación en series limitadas e o emprego de materiais de primeira calidade. As súas coleccións combinan a sofisticación europea cunha visión innovadora e minimalista.

A firma destaca polo enfoque sostible na selección de materiais e procesos de fabricación. Así, o seu particular xeito de interpretar a patronaxe permítelles solucionar unhas das principais problemáticas do sector téxtil, o aproveitamento case o 100% do tecido. Ademais, integra novas tecnoloxías, intelixencia artificial e modelado 3D no desenvolvemento do produto, permitindo optimizar procesos, reducir desperdicios e mellorar a sostibilidade da empresa. Unha das súas principais innovacións é o emprego de impresión 3D para o deseño e fabricación de calzado.

Na actualidade as exportacións da firma representan o 19% da súa facturación global. Co impulso de “Galicia Avanza” está a consolidar a súa presenza internacional en países clave de Europa, en particular Francia, Alemaña e Italia, mercados cunha forte cultura de moda e alto poder adquisitivo. No marco do programa, ademais de realizar unha análise dos mercados de interese, adaptouse a imaxe da marca a estes mercados e ofreceuse apoio á asistencia de feiras de moda internacionais relevantes, entre outras accións fundamentais para reforzar a internacionalización da empresa.

Gómez y Crespo

A empresa ourensá Gómez y Crespo dedícase ao desenvolvemento de produtos innovadores para o sector agropecuario e para afeccionados á agricultura. Destacan pola súa integración tecnolóxica mediante sensores, monitorización e aplicacións para móbiles.

Para o sector agropecuario profesional comercializa bebedoiros automáticos, forraxeiras e sistemas de alimentación para avicultura, cunicultura e outras especies gandeiras. Os seus produtos caracterízanse pola resistencia dos materiais, o uso de tecnoloxía avanzada e un deseño enfocado na mellora da eficiencia produtiva das explotacións. Estas solucións, de deseño propio, xa se comercializan amplamente en España e Portugal.

Ademais, desenvolve produtos específicos para usuarios particulares con pequenas explotacións domésticas ou semiurbanas, motivados polo autoconsumo, afección ou benestar animal. É o caso de galiñeiros intelixentes, con paneis e sensores conectados a unha aplicación móbil; coelleiras tecnolóxicas con control ambiental dixital; forraxeiras de precisión, equipadas con sensores dixitais para monitorizar o consumo de alimento; ou aviarios ornamentais conectados, que permiten controlar parámetros como temperatura, humidade e alimentación.

Por outro lado, a firma ten unha liña orientada ao cultivo urbano e doméstico, en resposta á crecente demanda de solucións sustentables e eficientes, como mesas de cultivo con sistemas de hidroponía. E ofrece outra liña especializada en produtos para mascotas, con solucións innovadoras como bandexas sanitarias, hamacas, wc automáticos para coellos ou gatos, comedeiros e bebedoiros.

Client Challenge

Xa consolidada no mercado nacional, o 45% da súa facturación global procede das exportacións. O plan de internacionalización de “Galicia Avanza” enfocouse nunha primeira fase a Italia, Reino Unido, Alemaña, Polonia e Francia. Ademais, de cara a unha futura internacionalización, realizáronse prospeccións de mercado en rexións de gran dinamismo comercial e potencial de crecemento como Marrocos, Alxeria e Emiratos Árabes Unidos.