Medio Ambiente

Dende hoxe poden tramitarse de novo permisos para queimas

Levántase así a suspensión decretada o pasado 16 de marzo, por mor da emerxencia sanitaria a causa do coronavirus

Óscar Gómez

Ourense | 11.05.2020 11:07

Queimas agrícolas
Queimas agrícolas | Infomiño

Dende hoxe poden solicitarse de novo autorizacións para queimas en terreos forestais, así como efectuar comunicacións para as rexistradas en parcelas agrícolas. Levántase así a suspensión de realizar queimas nos terreos rústicos decretada o pasado 16 de marzo, despois de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicase o pasado venres a correspondente resolución da Consellería do Medio Rural.

A Xunta decidiu tramitar de novo as queimas en terreos agrícolas e forestais pola propia extensión da duración temporal do estado da alarma, polos datos de evolución positiva da emerxencia sanitaria e polas últimas medidas adoptadas polo Goberno central.

Para iniciar a tramitación, mentres non estean abertas ao público as oficinas dos distritos ou servizos de prevención de defensa de incendios, os interesados poderán utilizar dúas vías: chamar ao teléfono 012 ou ben empregar a vía telemática dende o enderezo web https://queimasweb.xunta.gal.

Canto ás autorizacións xa notificadas e ás comunicacións xa efectuadas que quedaran sen efecto durante a emerxencia sanitaria, os interesados deberán solicitar nova autorización ou realizar nova comunicación para levar a cabo a queima.