O presidente da Deputación de Ourense asistiu ao acto de sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello da Rúa, que posibilitará a construción do novo centro de saúde nesta localidade valdeorresa. A Deputación de Ourense achega un montante económico de 130.000 euros para o acondicionamento de viarios e a urbanización da parcela. “Trátase dun proxecto de cooperación entre a Xunta, a Deputación de Ourense e o Concello da Rúa que fará realidade unha longa demanda da veciñanza e mellorará os seus servizos públicos, polo cal felicito ao alcalde da Rúa, Álvaro Vila, polo consecución desta infraestrutura”, afirma Manuel Baltar”, quen destaca a “importancia que esta obra ten nestes momentos de pandemia, onde mellorar os servizos públicos sanitarios é a máxima prioridade, e a palabra clave para iso é “cooperación” entre as administracións públicas, como estamos a facer”.
O convenio foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández López, un documento que establece as bases para a construción dun novo centro de saúde na localidade. A realización desta infraestrutura sanitaria pertencente á rede pública galega conta cun orzamento estimado de 1,2 millóns de euros e atenderá a preto de 4.000 pacientes. O novo centro de saúde, que duplicará a superficie actual pasando dos 490 metros cadrados a máis de 1.000, terá consultas e salas de espera más amplas e incluiráunha sala de espera pediátrica específica, ademais dunha nova sala polivalente, unha consulta de atención de urxencias, unha consulta de enfermaría pediátrica e unha consulta do programa da muller. Tamén eliminará as barreiras arquitectónicas, ao pasar a ser un edificio dunha soa planta.
No acto, ademais do conselleiro, do alcalde e do presidente da Deputación de Ourense, estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial.
Os orzamentos para 2021 da Xunta de Galicia contemplan un incremento do 108 % en Atención primaria, pasando de 26 millóns de euros en 2020 a 55 millóns para este ano. Na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde en Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Ourense (O Couto), Barbadás (A Valenzá) ou Pontedeva e realizáronse importantes reformas en Carballeda de Avia, Gomesende, O Bolo, Leiro, Carballeda de Valdeorras e Cenlle. Só nesta provincia acaban de poñerse en marcha dous novos centros de saúde: o de Pereiro de Aguiar e o de Paderne de Allariz, que comeza hoxe mesmo a funcionar, e xa están listos os proxectos de reforma dos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia, co obxectivo de licitar canto antes as obras.