O Concello de Ourense reabre as instalacións termais na zona de Outariz, logo das obras realizadas para axeitalas á nova lexislación. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Termalismo, Flora Moure, visitaron a contorna, que reabre ao público.
O alcalde comprobou o resultado dos traballos realizados dándose un baño no espazo termal, e destacou a calidade das instalacións, do seu emprazamento, xunto ao río e a ceo aberto, así como a pureza das súas augas: “Son un luxo total, gratuíto, que só se ten en Ourense”, asegurou.
A concelleira de Turismo e Termalismo, Flora Moure sinalou que “tras un intenso traballo por parte do persoal da Concellería de Termalismo e doutros departamentos municipais para a súa posta a punto, podemos anunciar a reapertura parcial das instalacións termais da zona de Outariz. Desde primeira hora da mañá os traballadores municipais procederon á súa enchedura para que xa poidan ser utilizadas polos bañistas, sempre tendo en conta as condicións xerais de uso destes espazos, aprobadas a semana pasada”,
“Estamos ante un paso definitivo, unha experiencia piloto, para adecuar o Termalismo da nosa cidade á nova lexislación, garantindo así a seguridade xurídica e sanitaria nun dos grandes emblemas da nosa cidade”, explicou a edil responsable desta área, Flora Moure.
“Gustaríame agradecer a todos os funcionarios e traballadores municipais que se implicaron en lograr esta reapertura, así como á Xunta e Confederación Hidrográfica pola súa colaboración. E como non, manifestar o meu agradecemento á cidadanía pola súa paciencia, lembrando a necesidade de coidar estas instalacións entre todos, respectando as condicións xerais de uso destes espazos”, concluiu Flora Moure.