Ourense Cidade

O Concello cortará as palmeiras enfermas nas Burgas

O Concello estuda xa a plantación de novas especies, pero sempre garantindo a viabilidade dos exemplares plantados sen que exista unha dependencia de tratamentos químicos

Óscar Gómez

Ourense | 16.12.2020 08:10

O Concello cortará as palmeiras enfermas nas Burgas
O Concello cortará as palmeiras enfermas nas Burgas | La voz de galicia

O Concello de Ourense procederá a cortar as palmeiras da contorna das Burgas (4 exemplares) e da praza do Bispo Cesáreo (2 exemplares) tras constatar que se atopan moi afectadas pola enfermidade do picudo vermello, e para evitar danos persoais e materiais perante o risco de caída.

O arboredo e as palmeiras situadas en zonas urbanas son un elemento fundamental dentro dos moitos que compoñen a cidade, chegando a ser algúns exemplares un elemento distintivo e gran reclamo turístico. Por iso, e logo da detección da presenza destes insectos en 2018, estas palmeiras foron obxecto de tratamentos paliativos a base de produtos fitosanitarios mediante endoterapia ou inxección no tronco.

Porén, os técnicos municipais certificaron esta mañá a morte destas palmeiras e desde a Concellería de Medio Ambiente decidiuse actuar con rapidez tratando de minimizar o risco de caída.

O picudo vermello é un un coleóptero de orixe tropical, orixinario do sueste asiático e de Oceanía que se desenvolve no interior das palmeiras, podendo coexistir ao mesmo tempo os seus catro estados -ovo, larva, pupa e adulto-, e que nos casos máis severos termina coa morte dos exemplares.

Novas especies

O Concello estuda xa a plantación de novas especies, pero sempre garantindo a viabilidade dos exemplares plantados sen que exista unha dependencia de tratamentos químicos.

Estas árbores serán seleccionadas en función de criterios agroclimáticos, grao de tolerancia á seca e ás temperaturas que se rexistran en Ourense cidade, o tamaño de crecemento aéreo e altura total do exemplar, medidas da copa, tamaño e tipo de crecemento do sistema radicular -para minimizar os danos en pavimentos, beirarrúas e infraestruturas-, rapidez de crecemento, tolerancia ás podas, lonxevidade e outros valores estéticos.