Cultura

Bolsas no exterior para escritores ourensáns

Deputación e Residencia Literaria 1863 ofrecerán cinco bolsas no exterior para promover a creación literaria e o perfil internacional dos escritores ourensáns.

Óscar Gómez

Ourense | 03.01.2022 10:03

Bolsas no exterior para escritores ourensáns
Bolsas no exterior para escritores ourensáns | onda cero

Deputación de Ourense e o centro Residencia Literaria 1863 ofrecerán en 2022 cinco bolsas para escritores ourensáns que terán como finalidade fomentar a creación literaria e o perfil internacional dos autores e autoras da provincia, facilitando a residencia durante un mes en países como Islandia, Turquía, Polonia, Croacia ou mesmo noutros puntos de España. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, acordaron abrir esta vía de colaboración tras un encontro mantido no Pazo Provincial.

Manuel Baltar subliñou que estas bolsas para residencia no exterior “supoñen unha aposta máis deste goberno provincial por ese piar básico que é a cultura, desta volta promovendo a competitividade internacional das nosas e dos nosos escritores, a súa produtividade creativa, o enriquecedor intercambio, o crecemento persoal, a reflexión artística e a revalorización da figura do escritor”.

Unha gran oportunidade, destacou pola súa banda Yolanda Castaño, “para escribir a tempo completo e en condicións de excelencia, nun contexto global e mentres constrúen coñecementos, redes e vínculos que apoien a futura actividade literaria de proxección internacional”.

O centro Residencia Literaria 1863, que a propia Yolanda Castaño dirixe na Coruña, será o encargado de coordinar o desenvolvemento das cinco bolsas, que serán convocadas pola Deputación de Ourense mediante o modelo de concorrencia competitiva. En retiros individuais para a escrita ou ben en espazos que tamén propician o intercambio con outros creadores, estas residencias no exterior levaranse a cabo en lugares como a campiña polaca, a cidade turca de Bursa, a paisaxe do suroeste islandés, a capital da costa dálmata ou as aforas de Mojácar.

Para acceder ás bolsas, todos os escritores interesados deberán presentar a memoria dun proxecto de escrita creativa de calquera xénero literario, incluíndo narrativa, poesía, teatro, ensaio, literatura infanto-xuvenil e ata tradución literaria. Ademais deste proxecto, a desenvolver durante a estadía, entregaranse currículos, mostras do traballo e unha carta de motivación, materiais que o comité de avaliación revisará para escoller os cinco beneficiarios.

As bases da convocatoria serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e na web da Deputación de Ourense.