Xuzgados

O BNG amosa a súa preocupación polo funcionamento do novo Xulgado de violencia contra a muller

A Formación nacionalista denuncia que o novo modelo de comarcalización xudicial, no referido á Sección de violencia sobre a muller, atende a un total de sete partidos xudiciais ou o que é o mesmo, a máis de 275.000 persoas de 74 concellos, creando graves prexuízos ás vítimas.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Iago Tabarés presenta unha moción sobre os polígonos empresariales de Ourense
Iago Tabarés presenta unha moción sobre os polígonos empresariales de Ourense | onda cero

Hai case cinco meses, entrou en funcionamento a Sección de violencia sobre a muller do Tribunal de Instancia de Ourense, unha unidade xudicial que, por decisión do Goberno do Estado e, segundo sinalan desde o BNG, “a conformidade da Xunta de Galiza” atende a sete partidos xudiciais e a máis de 275.000 persoas de 74 concellos.

Esta comarcalización concentra nun único órgano con sede en Ourense a competencia en materia de violencia sobre a muller e violencia sexual, que abrangue, como xa comentamos, sete partidos xudiciais adicionais, e 74 concellos, cunha superficie de máis de 5.000 km² e con máis de 275.000 habitantes aos que atender, feito que para o deputado do BNG por Ourense Iago Tabarés, “define por si só o desacertado da medida”.

Tabarés afirma que o propio Parlamento galego, a iniciativa do BNG, “xa recoñeceu o prexudicial desta medida tanto para o funcionamento da Administración de xustiza como para as mulleres vítimas de violencia e de agresión sexuais, nomeadamente as mulleres do rural”.

Segundo Tabarés, “esta medida de comarcalización non foi adoptada segundo as decisións organizativas adecuadas e segundo un coherente incremento do cadro de persoal e por iso, desde o BNG, pedimos explicacións á Xunta de Galiza sobre a situación o sobre o funcionamento desta unidade de violencia sobre a muller, e sobre as accións adoptadas para reverter esta decisión que insistimos é moi prexudicial para a veciñanza da provincia de Ourense”.

E é que no marco desta reforma, acordouse a creación dunha Sección de Violencia sobre a Muller no Tribunal de Instancia de Ourense, dotándoa dunha única praza e estendendo a súa xurisdición aos partidos xudiciais de Verín, O Carballiño, Xinzo de Limia, Ribadavia, Celanova e Bande, que ven reducida a súa capacidade de tramitación e resolución xudicial.

Para o BNG, “a singularidade desta concentración xeográfica é especialmente relevante nun territorio de forte dispersión poboacional e importante peso do medio rural, no que se obriga a vítimas de, por exemplo, Padrenda, Bande, Beariz ou Calvos de Randín a percorrer centos de quilómetros para comparecer persoalmente ante a Sección”.

Mais como denuncia Iago Tabarés, “a creación dunha sección propia de Violencia sobre a Muller e o incremento da planta xudicial non redundará nunha maior axilidade na resolución de procedementos xudiciais senón leva aparellado un aumento do cadro de persoal en todos os corpos, tanto no de letrados/as, como no de xestión, tramitación procesual e auxilio xudicial, algo que semella non aconteceu no Tribunal de Instancia de Ourense”.

Desde o Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, solicitarán a través da Comisión 1º, que o Executivo galego aclare cantos asuntos foron rexistrados na Sección de Violencia sobre a Muller do Tribunal de Instancia de Ourense desde a súa entrada en funcionamento, desagregados por partido xudicial de procedencia e xurisdición. Tamén se interesarán por saber cantas vítimas tiveron que desprazarse ao partido xudicial de Ourense dende outros partidos e a cantas se lles tomou declaración por videoconferencia.

Outra das principais reivindicacións nacionalistas é coñecer o incremento neto do cadro de persoal dos corpos de xestión procesual, tramitación procesual e auxilio xudicial que supuxo a creación da Sección de Violencia sobre a Muller no Tribunal de Instancia de Ourense así como cantos postos dos corpos indicados son resultado da reconversión ou transformación de prazas xa existentes noutros xulgados ou seccións e finalmente se co novo modelo, se incrementou o cadro de letrados/as da administración no Tribunal de Instancia de Ourense como consecuencia da creación da sección de Violencia sobre a Muller.