Lúdico

Amencer celebrará o seu 33º Campamento Urbano con máis precaucións

Desenvólvese do 3 ao 13 de agosto e está aberto á participación de rapazada entre 8 e 16 anos de idade.

Óscar Gómez

Ourense | 19.06.2020 09:07

Campamento Urbano de Amencer
Campamento Urbano de Amencer | faro de vigo

A Asociación Xuvenil Amencer organiza o XXXIII Campamento Urbano de verán en colaboración ca Concellería de Xuventude. Este ano desenvolverase do 3 ao 13 de agosto, e estará aberto á participación de todos os rapaces de entre 8 e 16 anos de idade, especialmente a aqueles que non poden gozar doutras opcións de ocio en verán por motivos diversos -estudos, nivel económico...-. Preténdese facer gozar do tempo libre dos pequenos de maneira educativa e retomar os contactos sociais logo deste tempo de confinamento, polo que se tomarán moitas máis precaucións, pero seguirase celebrando co mesmo espírito de sempre: “unha cita aberta, libre, gratuíta, urbana e continua”, en palabras da concelleira Flora Moure.

Algunhas das principais medidas adoptadas son:

  • Organización de tres campamentos urbanos cun máximo de 250 participantes para cada un deles: de 8 a 10 anos e de 11 a 13 en horario de mañá; e de 14 a 16 en horario de tarde.

  • Obrigatoriedade da inscrición previa ao inicio da actividade.

  • Obrigatoriedade de realizar unha declaración responsable por cada participante (animador/a e rapaz/a).

  • Información das familias coa organización do campamento en caso de baixa por enfermidade.

  • Grupos de convivencia autónomos e permanentes dun máximo 15 rapaces/as cun mínimo de 2 animadores/as.

  • Formación hixiénico-sanitaria de todos os participantes (animadores e rapaces).

  • As entradas e saídas serán distribuídas en distintos horarios.

  • Utilización de diferentes espazos na cidade en grupos de máximo 15 rapaces máis animadores/as.

  • Realización de actividades que teñan en conta o distanciamento físico.

Distancia social / Distancia física. As especiais condicións destes últimos meses fan máis necesario se cómpre a celebración deste ano. Segundo os educadores, a rapazada precisa de contacto social, algo que debe ser compatible coa distancia física e coas medidas de seguridade hixiénico sanitarias. Farase especial insistencia en empregar o maior número de espazos o aire libre da cidade para realización destas actividades -parques, prazas, instalacións públicas, etc.-, pero tamén no tocante ás medidas hixiénicas: xel, utilización de máscaras para os participantes, material e lugar propio e exclusivo para cada grupo de convivencia, aprender a controlar a temperatura persoal; limpeza entre todos e con persoal profesional dos materiais e instalacións utilizadas.

O número de participantes no Campamento Urbano de Ourense foi medrando, dende os 170 rapaces e rapazas da súa primeira edición a unha media de 850 na última edición.