A Asociación Cultural Xan de Arzúa e o Concello de Allariz presentaron hoxe a programación oficial da Festa do Boi 2026, que terá lugar entre o 30 de maio e o 7 de xuño. Esta edición, que conta con 54 actividades ao longo de nove días, destaca pola súa profunda carga emocional ao ser a primeira tras o falecemento do Paco, figura indispensable que liderou a recuperación desta tradición en 1983.
Juan Seara, integrante da Asociación Cultural Xan de Arzúa, foi o encargado de debullar os detalles técnicos dun programa que aposta pola participación activa. Seara destacou que o cartel deste ano, obra da alaricana Jeni Domínguez, é unha homenaxe directa a Paco: "É un recoñecemento necesario a unha persoa que dedicou a súa vida a que este legado cultural se mantivera vivo e vibrante para as novas xeracións".
Como principal novidade, a organización reforza a actividade nos núcleos rurais para integrar a todo o municipio na celebración: “Este ano trasladamos a esencia da festa a Roimelo e Paicordeiro con xantares populares e música. Queremos poñer en valor o noso rural e a forma de vida que nos define, reivindicando as nosas raíces e o contacto directo coa terra que sempre nos caracterizou”.
O programa mantén os seus piares sociais: o Domingo Medieval (con máis de 800 persoas participantes que dan vida á historia local), as actividades para a infancia e unha ampla oferta de concertos de rúa e verbenas pensadas para o goce de toda a veciñanza.
Pola súa banda, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, subliñou que esta tradición é o motor da identidade alaricana. "Nestes máis de 700 anos de historia hai fitos que marcan un antes e un despois. O ano 83 foi un deles, e este 2026 será outro por ser o primeiro ano sen Paco. El personificaba o orgullo de ser de Allariz", afirmou.

