Ourense Cidade

O Concello lanzará unha oferta de emprego público

A concelleira de Recursos Humanos adiantou que a oferta cubrirá 32 prazas en Policía local, 11 de Extinción de incendios, 32 prazas de persoal interino e 36 postos ocupados por laborais indefinidos

ondacero.es

Ourenses | 01.03.2019 13:14

Policia Local Ourense
Policia Local Ourense | La Voz de Galicia

O Concello de Ourense ultima a convocatoria dunha oferta de emprego público que incluirá como mínimo 139 prazas en diferentes servizos municipais. Así o anunciou a concelleira de Recursos Humanos, Flora Moure.

A edil avanzou a folla de ruta que o goberno municipal prevé desenvolver para avanzar neste proceso. Así, a semana próxima, convocará aos sindicatos con representación no Concello de Ourense á mesa de negociación. A ela acudirá o goberno municipal coa proposta de negociar unha oferta pública de emprego que incluirá como mínimo 136 vacantes, segundo asegurou Flora Moure, que se cubrirán por sistema de oposición e por concurso oposición. Entre estas prazas atoparanse:

* 36 prazas de persoal indefinido que entrou no Concello a través de sentenza xudicial, e que a Lei de función pública do ano 2015 esixe que saian na próxima oferta de emprego público.

* 32 prazas que lle corresponden á Policía local.

* 11 prazas correspóndenlle ao Servizo de extinción de incendios. Estas se poderían ampliar a 15 unha vez rematados procesos de promoción internos.

* 32 prazas de persoal interino, que entrou no Concello na etapa do anterior goberno municipal.

* 25 prazas que quedaron vacantes por xubilacións de persoal de administración xeral e especial)

Segundo explicou a concelleira, nesta oferta non se inclúe a promoción interna.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salienta que esta oferta de emprego “”é unha importantísima noticia. Xa que supón dar un primeiro paso fundamental para poñer fin á necesidade de persoal que nos atopamos á nosa chegada ao Concello”.

O rexedor insistiu en que esta oferta de emprego público “vai permitir dar resposta ás necesidades da nosa cidadanía, pero tamén cubrir parte da necesidade de persoal en departamentos fundamentais como a Policía Local ou o servizo de extinción de incendios, que para nós sempre foi prioritario cubrir”.

Paralelamente, o goberno municipal segue a avanzar na relación de postos de traballo. Así, o pasado 21 de febreiro, a mesa de negociación cos representantes sindicais do Concello deu luz verde para que continúe o seu trámite para ser aprobada definitivamente.

O 42% dos delegados sindicais votaron a favor da proposta (SAP e CSIF); un 34% emitiron voto en contra (SPPME, CCOO e USO) e un 23% abstivéronse (CIG e UGT). Na Mesa de Negociación aprobáronse un total de 43 alegacións, das 84 presentadas á nova RPT do Concello, que será aprobada definitivamente en Xunta de Goberno Local.